Ponte Caldelas prepárase para a Festa do Emigrante, unha cita coa gastronomía de doce países

O evento celebrarase o venres, sábado e domingo e haberá tamén postos de panadería

REDACCIÓN

Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas prepárase para a Festa Gastronómica do Emigrante, un evento plenamente consolidado e que agarda a miles de persoas na Alameda de Ponte Caldelas durante esta fin de semana. A festa volve, logo de dous anos de parón, con máis forza e con máis países representados.

A Festa, que se celebrará na Alameda de Ponte Caldelas os días 8, 9 e 10 de xullo contará con máis dunha ducia de postos nos que estarán presentados doce países e haberá postos de panadería. Haberá mesas e máis de 1.200 sillas que encherán toda a Alameda de Ponte Caldelas para dar cabida a todos os veciños e visitantes que desfrutan amplamente desta gran festa gastronómica.

Cada posto ofrecerá un prato e bebida ó prezo de seis euros e cada un dos hostaleiros participantes ofrecerá tamén outras propostas culinarias típicas de cada un dos países, así como bebidas típicas, a prezos de mercado. Nesta ocasión poderán degustarse pratos de Brasil, México, Venezuela, Uruguay, Cuba, Bélxica, Alemania, Grecia, Italia, Portugal, Ucrania e España.

Programa

A quinta edición da Festa Gastronómica da Emigración comezará a noite do venres 8 de xullo e proseguirá o sábado con servizo á mediodía e á noite e terá servizo de comida o domingo 10 de xullo. Os asistentes terán a ocasión de degustar unha ampla variedade de pratos representativos da cociña de doce países a un prezo de só seis euros, incluíndo unha bebida.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca que este é un evento dinamizador de alto nivel, no que “en 2019 despachamos máis de 20.000 pratos e polo que pasan ao longo de toda a fin de semana milleiros de persoas, algo moi importante para a hostalería e o comercio de Ponte Caldelas”.

Tracking Pixel Contents