A responsable local do BNG de Poio, Marga Caldas, criticou onte ao PP local, polas “mentiras e terxiversacións que está a realizar desde hai días sobre o IBI. Parécenos unha auténtica desfachatez que pida dimisións, cando o primeiro que debería cesar no seu cargo é el, porque non é de recibo que un representante dunha corporación viva por e para crear tensións e problemas de xeito constante, co único propósito de producir desgaste e faltando á verdade dun xeito tan flagrante”, aseverou a voceira nacionalista.

Caldas insistou, tal e como xa fixera o propio concelleiro de Facenda, o tamén nacionalista Xulio Barreiro, en que en Poio non se aplicou ningunha suba ao IBI para segundas vivendas. “A realidade é que a día de hoxe en Poio a única modificación que se aplicou o IBI son as bonificacións que xa están en vigor para familias numerosas, para explotacións agrícolas e para edificios que iniciarán reformas apostando por métodos de enerxía sustentable, e que van do 50 ao 25%”, subliñou.