A Escola de Música Municipal abre o prazo de matriculación, a partir do vindeiro luns e ata o venres 24 de xuño, para todas as persoas, tanto nenos como adultos, que desexen solicitar praza por primeira vez no curso 2022/23. A escola imparte unha formación musical inicial dende os 3 anos de idade e, a partir dos 7 anos, o alumnado elixe a súa especialidade instrumental entre as materias de oboe, frauta, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba/bombardino, violonchelo, contrabaixo, guitarra, piano e percusión. Tamén imparte ensinanzas de Linguaxe Musical, Guitarra e Piano para persoas adultas sempre adaptadas e personalizadas ao seu nivel.

A actividade da Escola organízase en función do calendario escolar do Concello de Sanxenxo, polo que nos períodos de vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa, así como festivos e non lectivos marcados no calendario como oficiais, non se impartirán clases. As clases de instrumento son sempre individuais. No caso de Iniciación Musical (3 e 4 anos), Música e Movemento (5 e 6 anos) e Linguaxe Musical (a partir dos 7 anos) as clases son grupais.