O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu onte o acto de inauguración da mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia/1981-2021”, aberta ao público no Café Moderno de ata o próximo día 25. A mostra fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega.

O presidente do Parlamento de Galicia recordou que o proceso de construción da autonomía é consecuencia de múltiples achegas, na época da transición, mais tamén nas décadas precedentes. “Falamos de auténticos heroes da causa galega, moitos dos cales pagaron un alto prezo polo seu compromiso autonomista e galeguista”, enfatizou Santalices. Recordou que “para algúns, a súa militancia custoulles a vida, como sucedeu con Alexandre Bóveda, vilmente fusilado no monte da Caeira, o 17 de agosto de 1936, cómpre recordalo”. Agregou Santalices que outras persoas “pagaron ese compromiso co exilio”, como Castelao, mentres que un terceiro grupo padeceu o exilio interior, como Otero Pedrayo, expedientado e apartado da docencia entre 1937 e 1948.

Estatuto de 1936

A xuízo de Santalices, se Galicia ten a consideración de nacionalidade histórica “é grazas ao traballo de persoas como Bóveda, que coa súa implicación nas diferentes fases do proceso, fixeron posible plebiscitar o Estatuto galego de 1936”. Por elo, “traer esta exposición a Pontevedra é unha obriga moral á que gustosamente damos cumprimento para honrar a memoria de Alexandre Bóveda e a de tantos outros cos que estamos en débeda permanente”.

Amosou o seu agradecemento a Afundación, representada no acto pola coordinadora da área de Cultura, Marité Torres, por acoller esta exposición, con vocación de itinerancia e comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

Para o presidente do Lexislativo galego, boa parte dos avances postos a disposición dos galegos nas últimas décadas son consecuencia directa da autonomía política que Galicia exerce con responsabilidade desde hai 40 anos, co Parlamento como primeira institución. Deste modo, recordou que nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao seu Parlamento. Santalices insistiu na importancia do Parlamento como eixe da vida política e recordou que “pode haber goberno sen Parlamento, pero non pode haber democracia sen Parlamento”.

Contacto coa xente

Xustificou a importancia desta mostra, polo elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia, o que obriga a potenciar o contacto coa xente a través dun amplo abano de medidas nas que se integra esta exposición, xunto a outras como as visitas escolares do Parlamento, as ferramentas de participación cidadá ou a programación cultural da Cámara.