O pleno de Vilaboa aprobou a proposta do goberno local de habilitar unha partida de 350.000 euros para facer frente á sanción imposta por Augas de Galicia polo canon da auga, sen renunciar á vía da negociación para fraccionar o pago ou buscar outras alternativas. Este pago asumirase con cargo ao Remanente de Tesourería, cercano aos tres millóns da liquidación de 2021.

Tamén deu luz verde á modificación das bases do orzamento para incluir as subvencións nominais recollidas por primeira vez do documento económico aprobado o pasado ano. Aumentan as axudas directas que recibirán algúns colectivos para garantir os gastos correntes derivados da súa actividade. A proposta, que saiu adiante coa abstención do BNG e o voto a favor do PP, permitirá que a Escola de Música de Vilaboa e a asociación Entroido de Cobres perciban 18.000 euros cada unha; a Asociación Mocidade de Vilaboa para a organización do Canteira Fest recibirá unha axuda directa de 7.000 euros; a Confraría Pedra de Oliveira de Vilaboa percibirá 10.000 euros; a Festa do Viño 30.000 euros e as Anpas, para xestión dos comedores escolares, recibirán 5.000 euros.

Tamén aprobouse unha modificación de crédito de 50.000 euros para sufragar os gastos de mantemento nos campos de fútbol de Figueirido, para a sustitución do céspede artificial, e San Adrián, para renovar a cuberta das gradas.