O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, visitou A Caeira para pasar revista a unha parcela na que o Concello de Poio proxecta habilitar hortas urbanas. Tal e como lembra o edil, trátase dun espazo que na actualidade xa é utilizado por un grupo de residentes para cultivar. “A idea é aumentar este tipo de espazos no municipio e que conten con todo o equipamento necesario para poder consolidar este tipo de hortas, dando así resposta a unha demanda veciñal”, explicou. Martínez Blanco estivo acompañado por técnicos municipais e polas responsables das áreas de Seguridade Cidadá e Cultura e Educación, Marga Caldas e Raquel Rodríguez. A posta a punto das hortas é unha das actuacións prioritarias a impulsar a través da campaña Poio en Verde, organizada polo departamento de Medio Ambiente, en colaboración con estas concellerías.