Por segundo ano consecutivo, a concellaría de Normalización Lingüística organiza o Concurso Música nas Letras, un certame lírico musical que este ano estará adicado a Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2022.

O certame, que contou coa participación de cinco agrupacións distintas, ten como obxectivo poñer música e melodías a poemas do escritor de Córgomo dun xeito libre e orixinal. Destas cinco bandas, tres foron seleccionadas para participar no concerto-final que se celebrará o 17 de maio, ás 19 horas, na Praza da Ferraría.

AT-59, Haku e Dabelaii foron seleccionados para ofrecer a súa música nesta data tan sinalada, a través dun xurado profesional formado por músicos, promotores e expertos musicais da cidade. "Neste evento, a idea é conformar o podio definitivo, un primeiro, un segundo e un terceiro; nesta homenaxe a Florencio", explica Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística.

"Neste acto contaremos coa poesía, ademais, de Vanessa Glemsel e tamén teremos a Pauliña de presentadora. Desde o Concello convidamos a toda a veciñanza a vir até a Praza da Ferraría a celebrar con todas e todos o Día das Letras Galegas con música, con homenaxe; facendo que as nosas Letras sexan cada vez máis internacionais". Os premios do concurso son os seguintes: 1.000 euros para o primeiro posto, 500 euros para o segundo y 250 euros para o terceiro.