A bailarina Mónica Cofiño chegou onte ao concello de Caldas de Reis para poñer en escena a performance “A astronauta de campo” coa que transportou ao público presente no Auditorio Municipal a outro universo a través dunha vídeo-instalación escénica. A performance estivo enmarcada no programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” a través do que a artista reivindicou a liberdade, o amor e os bos tratos en contraposición coa violencia machista que sofren milleiros de mulleres cada día. Fíxoo ante a deputada de Igualdade, Victoria Alonso; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey; e alumnado de 2°, 3° e 4° da ESO do CPR Plurilingüe San Fermín, do CPI Plurilingüe Alfonso VII e do IES Aquis Celenis.