Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Coral Polifónica de Campo Lameiro festexa as Letras Galegas e o seu 25 aniversario co musical "Cousas galegas"

A Coral Polifónica de Campo Lameiro nunha escea.

A Coral Polifónica de Campo Lameiro conmemora o seu 25 aniversario coa posta en escea do musical das Letras Galegas “Cousas de antes”, o vindeiro sábado 14 de maio ás 20.30 horas no Centro Sociocultural Sobrino Buhígas. Trátase dun espectáculo no que participarán tamén o grupo Cantalúa e a Banda de Gaitas Foula, nun programa que conta coa colaboración do Concello de Campo Lameiro e a Deputación de Pontevedra.

 Os representantes da coral explican que o musical “Cousas de antes” forma parte da homenaxe e o agradecemento á musica tradicional galega da que esta masa coral se foi nutrindo. “Se ben é certo que temos boa parte do noso repertorio en galego, esta será a primeira vez na que a Coral faga un verdadeiro achegamento á música folclórica galega”, indican.

 No espectáculo participará de xeito activo e decisivo a Banda de Gaitas Foula, “que ademais de acompañarnos, compartiron con nós os seus coñecementos dos ritmos tradicionais galegos durante este tempo de preparación. Ao bo facer dos músicos de Foula unirase a vitalidade e a ilusión dos compoñentes de Cantalúa, o noso coro infantil que participará en varias escenas teatrais e cancións coreografiadas”, suliñan.

O espectáculo busca ser, indica a organización, “unha pequena recreación de momentos do noso pasado, en forma de pezas instrumentais, partes teatrais outras cantadas, todo elo con escenografía e vestiario e en clave de humor”

decoration

 “Cousas de antes” tamén busca ser, engaden, “unha pequena recreación de momentos do noso pasado, en forma de pezas instrumentais, partes teatrais outras cantadas, todo elo con escenografía e vestiario e en clave de humor”.

 Destacan que as escenas da obra están inspiradas en recordos da infancia “como aqueles dous homes que se atopan no camiño e se esquecen de ir erguerlle a cesta á muller; ou polas conversas das mulleres no río criticando os malos costumes dos homes e, como non, as escenas típicas de rifas entre mulleres e homes”.

A cada escena séguelle unha canción a base de desafíos, regueifas, cantos de oficios, cantigas de traballo e todo elo a ritmo de pandeirada, muiñeira ou xota acompañados por instrumentos como o tamboril, bombo, pandeireta, axóuxeres, cencerros e gaitas.

 A intención tamén deste espectáculo é, destacan as mesmas fontes, crear un vencello interxeracional entre os maiores e os máis novos a través da lingua e do folclore propio de Galicia mediante un espectáculo “sinxelo, pero feito desde a ilusión, o agarimo e o respecto para rendirlle unha sentida homenaxe aos nosos 25 anos e á nosa música”.

Compartir el artículo

stats