Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pablo Carpintero | Músico, artesán, investigador

“Cando nos daba que as gaitas foran usadas 400 ou 500 anos parecíanos alucinante”

Probas con carbono 14 amosan que en Pontevedra están as gaitas más antigas das que temos constancia, ata un 44% do total

Pablo Carpintero. GUSTAVO SANTOS

O Museo de Pontevedra foi escenario este venres dun fito histórico: a presentación das últimas investigacións do músico e artesán Pablo Carpintero, que achou gaitas que permaneceron en uso dende a Idade Media en Galicia e Portugal, instrumentos de centos de anos que soaron no Edificio Castelao e que foron transferidos de gaiteiro en gaiteiro durante ducias de xeracións. Como ben lembrou o profesor da USC Manuel Gago, estas gaitas transmitidas entre humildes e anónimos non son un blason “nin unha espada. Nin unha reliquia de santo. Nin un foro dun arquivo nobiliar. É un punteiro de ébano (ébano!) que tocou melodías populares no escritas. Dignidade. Orgullo”.

–O último que me explicara vostede das gaitas é que teñen relación coa paisaxe: determinados elementos do instrumento cambian en función da altura das montañas, por eso as gaitas escocesas soan dun xeito e nas mornas Rías Baixas aparece o “Toque pechado”…

–Eso é simplemente unha teoría, non é en algúns aspectos moi demostrable. Pero eu opino que sí, que as paisaxes nas que viven as gaitas inflúen no son que teñen e na súa morfoloxía, igual que nos influen a nós, vamos.

–Pero agora da un paso máis e acaba de desenvolver un método matemático para datalas, para determinar cando foron feitas e canto estiveron en uso

–Sí, pensamos que era lóxico que os dedos ao tocar moito tempo sobre a madeira a desgastaran e, posto que eso sucede e é perfectamente demostrable ademáis, tamén pensamos que debía haber unha relación entre o tempo de uso e o desgaste, a profundidade do desgaste. Entón estivemos uns cantos anos facendo experimentos do desgaste, medindo moitos punteiros antiguos, punteiros que xa sabíamos o tempo que foran tocados. E desenvolvimos un modelo matemático pero, claro, os modelos son teorías.

As paisaxes nas que viven as gaitas inflúen no son que teñen e na súa morfoloxía

decoration

–E ahí é donde entra a Universidade de Vigo

–Sí, a través da Universidade de Vigo, co doctor Iván Area e a doctora Reboreda, fixemos probas de Carbono 14 en varios punteiros dos que o modelo decían que eran máis antiguos para comprobar as prediccións do modelo. E resultou que o modelo funciona moi ben e, aparte de asegurar as datacións de 5 gaitas que analizamos, temos agora unha ferramenta moi doada para dar unha idade mínima dun punteiro simplemente polo tempo que foi usado, en función dos desgastes que ten.

–Atoparon que as gaitas que vostede identificara eran moito máis antigas do que se imaxinaba

–Sí, claro, cando o modelo o aplicabas a algunhas gaitas e nos daban que foran usadas durante máis de 400 ou 500 anos parecíanos unha cousa imposible, alucinante. Porque é alucinante que un instrumento pase de man en man durante 5 séculos, falamos ao mellor de dez ou quince persoas tocando nel. Pero, claro (sorrí) despois as datacións do carbono 14 confirmaron ese extremo. Enton hai que aceptalo e nada máis (risas) simplemente.

–A máis antiga é a de Xan Tilve, Xan de Campañó?

–Por agora é esa, a de Xan Tilve. O modelo dalle que foi tocada durante uns 500 anos e a madeira ten un 600 anos porque, claro, a madeira ten que dar un pouco de máis idade que o tempo que foi usada, é evidente.

–É a gaita máis antiga do mundo?

–Do mundo, sí, non hai ningunha outra gaita de fol con esa antigüidade documentada, por agora. E é de Pontevedra.

A madeira ten que dar un pouco de máis idade que o tempo que foi usada

decoration

–E verdade que Pontevedra é unha terra especialmente singular no mundo da gaita?

–Pontevedra é onde hai máis proporción de gaitas antigas. Un 44% das gaitas que atopamos en Pontevedra teñen más de 300 anos. E no resto de Portugal, na costa portuguesa e Tras os Montes só un 25% teñen máis desa idade, e no resto de Galicia e en Asturias, literalmente, non hai gaitas antigas.

–Como explican este fenómeno?

– É unha cousa moi curiosa, quere decir que seguramente a Gaita se orixinou… Non é que se orixinara, senón que colleu sona, ou empezou a ser moi usada, ahí a finais da Idade Media na zona de Pontevedra, pola costa de Portugal e ahí. Máis tarde, séculos máis tarde, foise expandindo ao resto de Galicia e Asturias.

–Tamén fixo soar no Museo outra gaita de Pontevedra, a de José María García, da parroquia de Mogor…

–Sí, tocouna Jose, do grupo Picuiña de Pontevedra, que toca con ela a veces. Esa gaita de Mogor a datación dalle un 300 anos á madeira e uns 250 largos de tempo de uso, seguramente sexa unha gaita de finais do século XVII ou principios do XVIII. E eu toquei coa de Xan de Campañó, cunha réplica dunha gaita antiga que está no el Museo e outra réplica dunha gaita portuguesa tamén moi antiga, que o modelo dalle tamén 500 anos de uso e que está no Museo de Etnoloxía de Lisboa.

É un logro para a nosa cultura pero non é so dunha persoa, senón de todos os amigos que foron atopando gaitas e que mo dixeron

decoration

–O seu modelo e as probas do carbono 14 o que fan é retrasar séculos todas as datacións que coñeciamos

–(risas) Sí, xa non é que as retrase, é que non se sabía, todo o que se decía ata agora das gaitas eran puras especulacións. Ninguén podía decir esta gaita é de tal época, porque ninguén fixera tampouco nunca datacións con carbono 14 dos punteiros das gaitas, entonces siquera se podía decir de que época é a madeira.

–A investigación é un fito

–Penso que é un logro para a nosa cultura pero non é so dunha persoa, senón de todos os amigos que foron atopando gaitas e que mo dixeron, ou que me aloxaron na súa casa e me animaron. Sería imposible telo feito sin a Universidade de Vigo, se non fora polas datacións esto quedaba como algo teórico, non como algo xa demostrado. Sobre todo foi moi importante o apoio de Iván Area, que sempre está detrás do cumprimento dos meus soños, sempre está apoiando estas cousas.

Compartir el artículo

stats