Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antón Reixa Cantante de Os Resentidos

“Tanxugueiras son a expresión máxima de como ao final a música en galego gañou a partida”

Os Resentidos ofrece este venres un concerto na Sala Karma de Pontevedra coa xira 40 aniversario “Organización Nautilus”

Antón Reixa. FdV

Unha das bandas que máis fonda pegada deixaron no panorama musical durante a movida dos anos 80 foron Os Resentidos, que se volveron xuntar en 2021 para presentar o seu novo álbum, “Organización Nautilus”. Este venres, 25 de marzo ás 21.30 horas, Antón Reixa e os seus darán un concerto na Sala Karma de Pontevedra para o que aínda quedan entradas (a 10 euros máis gastos de xestión en Ataquilla.com e a 15 euros na billeteira do local) e no que, entre outros temas, se poderá escoitar o mítico “Galicia Canibal. Fai un sol de carallo”.

– O disco comeza co tema “Nautilus” e a frase “Son de Vigo, non o nego”. É unha volte ás orixes?

– Ten moito de reafirmación. No proceso de Os Resentidos, e de moitos músicos que comezamos en Vigo nos anos 80, máis alá de calquera posicionamento político, estaba a cuestión de que eramos de Vigo. Non como unha cuestión propiamente identitaria, senón como un punto de vista de identificación co propio. Eu lembro que na época na que nos formamos nós había un certo sentido provinciano moi absurdo de pensar que todo o bo pasaba lonxe, incluso o feito de facer música. Para nós foi todo o contrario. Por outra banda, este tema fala do Nautilus, unha cuestión moi importante. Durante todos estes anos o tema da Batalla de Rande, do afundimento dos galeóns e, sobre todo, da cita de Julio Verne en “Veinte mil leguas de viaje submarino” se volveu algo moi popular; en Vigo ata hai agora unha escultura adicada ao escritor. A min o achegamento á súa literatura veume da man do meu profesor, Méndez Ferrín.

Ao falar do Tesouro de Rande facemos un simbolismo dese talento agochado de tantos grupos que fan agora rock en galego

decoration

– Corenta anos despois, vén sendo un xeito de facer homenaxe a todo ese talento no sector?

– Ao falar do Tesouro de Rande facemos un simbolismo dese talento agochado de tantos grupos que fan agora rock en galego. Cando comezamos no 1982 nós eramos os únicos, e agora hai moitos e con moi boa música en galego.

– Sinte orgullo de terlles aberto esa porta?

– É reconfortante. Tamén é certo que aquela época era de liberdade absoluta e non había estigmas por facer música en galego. Se cadra o había por facer rock en galego, porque era unha lingua máis utilizada para o folk e a música tradicional.

Cando paramos en 1994 foi co pensamento de que pouco podiamos facer xa

decoration

– Agora temos o fenómeno Tanxugueiras... Que sentimento lle provocan?

– Unha alegría inmensa e un orgullo moi grande. O que representa Tanxugueiras é unha impronta moi universal; lograron interesarnos por Eurovisión a persoas que nunca o fixéramos. Teñen un talento enorme e son unha aportación valiosísima. Nós integramos, fundamentalmente, gaitas, pero elas saben como darlles a volta á música folk e ao baile. Son a expresión máxima de como ao final a música en galego, dalgunha forma, gañou a partida dando un salto cualitativo.

– “Organización Nautilus” é, fundamentalmente, rock e...?

– O grupo cando parou, no ano 1994, foi co pensamento de que levabamos xa sete ou oito elepés e o noso pensamento interno, moi honesto, era de que pouco podiamos facer xa que nos sorprendera. Agora, case corenta anos despois é un disco que pode ser Os Resentidos de sempre, con moito rock and roll, pero ademais hai rap e hip hop. A maiores, e iso foi algo que incorporamos no ano 87 e mantivemos, hai un guiño á música latina. Nós adoramos a música de verbena (risos).

Rosalía era unha poeta brava, de espírito rebelde

decoration

– Ademais, este disco inclúe colaboracións interesantes, como os debuxos dun rapaz co trastorno do espectro autista. Como xurdíu?

– Antón Romero, que agora ten 15 anos, é colaborador tanto na portada do disco como nas ilustracións de oito dos doce videoclips que fixemos. El tamén é a expresión dese talento agochado. Ten unha habilidade innata para o debuxo e nós traballamos con el como en calquera outra colaboración entre profesionais. Estou moi satisfeito desa colaboración. Na medida en que se foi alonxando dos modelos que nós lle propoñíamos, os debuxos foron mellores que os orixinais, e, sobre todo, máis eficaces e efectivos.

– E outra “colaboración” marabillosa é a de musicar o poema de Rosalía de Castro “A xustiza pola man”...

– Os primeiros contactos que tiven con Rosalía de Castro foron impulsados polo meu avó, no aspecto máis folclórico. Pero poemas como “A xustiza pola man” ou ese “Negra sombra”, que tanto cantamos, revelan que aí hai unha poeta brava, de espírito rebelde. “Negra sombra” é unha cousa insólita, que pon a Rosalía no cumio da poesía europea daquela época e “A xustiza pola man” é de combate, de denuncia, de rebelión. Só lle engadín un par de palabras: plusvalía, o que nos rouban, e oligarquía, que obstaculiza o benestar.

– Da banda orixinal de Os Resentidos só quedan dous membros, certo?

– Si. En activo estamos Javier Soto e eu. El fundou conmigo Os Resentidos e segue, aínda que agora no mes de maio fará os últimos concertos. Na gravación do disco aínda estivo outro fundador da banda, Rubén Losada, pero non en directo.

Tocar neste tipo de salas de música, clubes, ten un encanto especial

decoration

– Cantos serán en Pontevedra?

– Seremos seis persoas; ademais de Javier e eu, estarán Anxo, Gabriel, Pablo e Kino.Temos unha banda moi potente. Son máis novos ca nós. Nós eramos punkies militantes, de tocar mal case a posta, pero estes músicos que nos acompañan agora teñen un coñecemento técnico que mellora moitísimo o grupo.

– A Sala Karma é unha sala pequena. Teñen máis encanto para os concertos?

– Tocar neste tipo de salas de música, clubes, ten un encanto especial. Os músicos en xeral preferimos eses concertos, nos que hai un contacto visual. Hai que agradecerlle a estes emprendedores que manteñen a cultura viva e o seu esforzo. Son heroicos e aportan moitísimo á música.

– Que tipo de público lle gustaría que acoda ao concerto de Pontevedra? Ou cal cre que irá?

– Iso gustaríame saber a min (risos). Por suposto, haberá moita xente da nosa época. No seguimento de Os Resentidos hai dous momentos: os seguidores dende os inicios e os que se uniron despois na época do Xabarín Club. Pero a min encantaríame que nos coñezan todos. Sobre todo, que haxa xente.

Compartir el artículo

stats