Alumnos de Promoción da Igualdade do CIFP A Xunqueira idean os premios Josefa Fariña

O acto de entrega da primera edición dos galardóns celebrouse onte

Foto de familia despois do acto.   | // R. VÁZQUEZ

Foto de familia despois do acto. | // R. VÁZQUEZ / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou onte en Pontevedra a importancia de reforzar a promoción de valores desde o ámbito educativo cara a unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e concienciar desde a infancia sobre a lacra da violencia de xénero. Na entrega da primeira edición dos premios Josefa Fariña, unha iniciativa organizada polo Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira, López Abella indicou que a Xunta traballa no deseño do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o próximo quinquenio que fará fincapé nestes aspectos.

A secretaria xeral puxo en valor iniciativas como a dos premios Josefa Fariña para dar visibilidade ás mulleres en diferentes ámbitos. Trátase duns galardóns ideados polo alumnado do ciclo de Promoción da Igualdade de Xénero, da man da profesora Sonia Rodríguez, e que contan coa colaboración do departamento de madeira, moble e cortiza no deseño e elaboración do trofeo.

López Abella destacou a importancia de aproveitar o talento feminino para acabar coas fendas de xénero e sinalou que as políticas sociais e económicas do Goberno galego van encamiñadas a avanzar na eliminación destas fendas, aínda persistentes en ámbitos como o laboral, e no fomento da presenza das mulleres nas esferas de decisión e influencia das estruturas sociais, económicas e profesionais.