Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

In memoriam // Pedro Cabo Fernández

Embaixador da galeguidade en Lisboa

Xavier Alcalá, Siro López, Ramón Piñeiro, Pedro Cabo Fernández e Ramón Yáñez en 1974. | //@XAVIER-ALCALÁ

“Aquí xace Pedro Cabo Fernández, doutor en Leis por Santiago e Salamanca, que non ensinou todo o que sabía e xa non pode seguir ensinando”. O escritor Xavier Alcalá, amigo persoal, explica que este é o epitafio que pediu para sí o empresario, mecenas e galeguista, finado o pasado día 17 en Caritel, en Ponte Caldelas.

Foi tamén en Caritel onde nacera 90 anos atrás, na casona dunha familia máis que acomodada. Seu primo era o empresario portugués de orixe galega Manuel Cordo Boullosa, fundador da petrolífera lusa Sonap (posteriormente sería Galp) e de varias empresas de hidrocarburos en distintos países africanos. Ao finado gustáballe lembrar que, antes de emigrar a Portugal, os galegos emigraban masivamente a Lisboa e él pertencía precisamente a unha longa tradición de emigrantes e retornantes.

Cordo Boullosa (unha das grandes fortunas do mundo, con intereses tamén na banca ou a agricultura) nomeou ao seu primo director xeral da Sonap. O xurista Nemesio Barxa, que coñeceu a Pedro Cabo Fernández no 1957, cando estudiaba Dereito na Universidade de Salamanca, lembra que “como consecuencia do nomeamento, viaxaba moitísimo por todo o mundo, especialmente ás colonias portuguesas polos negocios do petróleo”. De feito residiu en distintos países, dende Portugal a Francia, Suiza ou Canadá.

Casado cunha lisboeta, residiu moitos anos na capital portuguesa “onde era embaixador, adiantado xeral, da galeguidade, da Galicia máis intelectual e auténtica”, sinala Nemesio Barxa. Éngade que “viaxamos varias veces con Manuel María porque en Lisboa había unha especie de consulado, unha Casa de Galicia, e él convidábamos para recitais ou para outras actividades que amosasen en Portugal o que era Galicia”.

Ata 1974 Pedro Cabo Fernández exerceu como director da empresa de petróleos portuguesa que fundara seu primo e posteriormente encabezou a administración da tabaqueira lusa “A Tabaqueira”.

Con Lisboa, a outra cidade clave na súa vida foi Vancouver, en Canadá, onde deu unha nova proba do seu espírito emprendedor fundando un banco para os emigrantes portugueses e galegos, fondos que situaba en Suiza e en España e que axudaron a moitas economías da diáspora.

Con Pepe Posada, presidente da Caixa de Aforros de Ourense, europarlamentario e xerente de Posada Marrón Glasé, o escritor Xavier Alcalá e con Nemesio Barxa “formabamos un grupo de amigos moi achegados”, lembra o xurista.

Xavier Alcalá, un dos que o visitaba con frecuencia en Lisboa e Canadá, lamenta que Pedro Cabo Fernández “foisenos sen contar a súa contribución á galeguidade universal en Europa e as Américas”. Foi, sinala, un home irrepetible que non só herdou o talento familiar para os negocios senón a fonda galeguidade do seu primo, protector do Centro Galego de Lisboa, un apoio que revalidou Pedro Cabo Fernández.

Se seu primo foi un gran mecenas cultural en Lisboa, él non se quedou atrás e “foi un protector de artistas e intelectuais, por exemplo acolleu a Otero Pedrayo cando aquí as cousas non le ían moi ben”, sinala Xavier Alcalá, que dan man deste empresario de Caritel coñeceu a figuras de referencia como Prado Coelho ou Guerra da Cal.

Propietario dunha grande colección de arte, entre o legado deste empresario de Caritel tamén figura un epistolario con figuras claves do seu momento e documentos inéditos pertencentes a figuras como Castelao ou Bóveda, como lembraban no seu pasamento os seus achegados.

Nunha das súas conferencias, Manuel María sinalou a Pedro Cabo Fernández coma “o embaixador oficioso de Galicia en Portugal, xa que desgraciadamente non podemos ter un embaixador oficial”.

Ramón Piñeiro ou Álvaro Cunqueiro foron outros dos seus amigos aos que convidaba a Lisboa nas dictaduras de Salazar e Catetano en Portugal e de Franco en España, pero a pesares do seu enorme amor por Galicia Pedro Cabo Fernández nunca quixo investir no país. Xavier Alcalá lembra neste punto que “era moi cívico pero moi activo, e pensaba que en Galicia non se facía nada porque é unha nación decapitada… Estaba convencido de que sin unha burguesía nacionalista non se conseguiría nada e por eso non tiña empresas aquí”. Foi un exemplo da épica galega e do noso xeito xeneroso de estar no mundo.

Compartir el artículo

stats