In memoriam

Teresa González, Pepe Martínez e o Mirabarcos de Combarro

Teresa González y Pepe Martínez. |   // FDV

Teresa González y Pepe Martínez. | // FDV / Rafael Vallejo Pousada*

Rafael Vallejo Pousada*

Este 25 de decembro morreu en Combarro Teresa González Besada. Déronlle sepultura no cimiterio veciñal do Xunqueiro este domingo 26. Ela e seu marido Pepe Martínez Rial, finado hai dous anos, abriran na década de 1960, neste pequeno porto mariñeiro, o restaurante Mirabarcos. Moitas familias de Pontevedra saberán disto. O Mirabarcos era coa Casa Ces e con Pepe Solla, en Poio Pequeno, un referente da cociña tradicional ben elaborada, de calidade, que no caso do Mirabarcos debíalle moito ao saber facer de Gelita, a irmán de Teresa.

Teresa e Pepe os do Mirabarcos mimaron moito aquel seu establecemento. Déronlle un ambiente mariñeiro renovado, cun mobiliario orixinal e unha decoración elegante a base de ancoras, nasas e redes, ben iluminada, e cunha especie de galería aberta sobre a praia de Chousa e o mar plácido que case a cubría na preamar, tan próximo que cando xantabas naquel acolledor salón parece que estabas mesmo riba da auga. Aínda que o máis salientable do Mirabarcos é, no meu parecer, que Pepe e Teresa lle deron ao seu restaurante a calor da súa simpatía, da súa sempre amable atención, da familiaridade, pois o Mirabarcos era un negocio sobre todo de carácter familiar, como ben saben os seus fillos Alicia e Xose Martínez, e como ben sabe Ángeles (a Nena), que traballou alí coa súa nai ao fronte dos fogóns. Uns fogóns nos que se elaboraba produtos que hoxe chamamos de proximidade, subministrados polos mariñeiros de Combarro ou comprados no veciño mercado de Pontevedra. Calidade, familiaridade, proximidade, o Mirabarcos formaba parte da xeografía culinaria da ría de Pontevedra, e de máis alá. Pepe e Teresa teceran, desde o Mirabarcos, unha extensa rede de simpatía e fidelidade ao lugar. As e os combarreses sabemos ben que anos despois de cerrado o local, cara a mediados dos anos setenta, viña xente preguntando polo Mirabarcos e laiándose de topalo sen actividade.

O Mirabarcos reunía a condición de ser ao tempo unha taberna tradicional, na que se aprovisionaban os mariñeiros cando saían a pescar desde o peirao de Chousa, e ser un espazo de encontro e de socialización. No baixo contou cunha das primeiras televisións de Combarro, que os que entón éramos nenos gozabamos cunha enorme admiración. Logo abriron neste mesmo local, xa fechado o restaurante, uns efectos navais, que deron servizo durante moitos anos, nos que Pepe e Teresa fixeron unha vez máis mostra do seu saber facer, da súa laboriosidade e da súa xenerosidade. Combarro estivo sempre no centro das súas atencións, das súas inquedanzas e do seu labor social. Sabémolo ben quen compartimos quefacer con eles, e traballamos con Pepe na antiga Asociación de Veciños San Roque, ou na Comisión de Veciños e na Asociación A Solaina, na década dos noventa e nos primeiros compases deste século.

Quero recordalos con esta breve nota. Lembrar que con Pepe e Teresa se foron dous bos combarreses, que amaban ao seu pobo, que lle deron proxección co seu bo labor profesional e que deixan tras deles unha boa semente, representada en Ali, en Xose, e no seu xenro Andrés. Máis alá da morte, que doe sempre, os bos exemplos animan. O deles é, sen dúbida, un destes bos exemplos.

*Catedrático de Historia Económica da Universidade de Vigo

Tracking Pixel Contents