A perspectiva de xénero continúa a gañar terreo nos traballos de Fin de Grao e Fin de Máster que se realizan na Universidade de Vigo. Así o demostran as obras das cinco estudantes gañadoras da sexta edición dos Premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra recoñece cada ano a inclusión deste aspecto nos traballos que se realizan nos campus de Pontevedra e Vigo. Este ano o xurado premiou os TFG de Nuria Ferreiro Amoedo (Ponte Caldelas) e Carla Souto García (Caldas de Reis), e os TFM de Marta Caldas Fariña (Pontevedra), Tania Souto Rodal (Vigo) e Andrea Pérez Cambeiro (Cambados). Os galardóns entregaranse nun acto programado para o próximo mes de xaneiro.

No que respecta aos Traballos Fin de Grao, con dous premios de 1.000 euros cada un, Nuria Ferreiro foi galardoada polo TFG titulado “Convite ao avencer”, un traballo de investigación e creación que se vertebra a través da vinculación ao territorio, do agarimo á cultura popular e dos vencellos persoais. Nesta obra a súa autora establece unha relación directa entre a etnografía, a antropoloxía, a arte contemporánea e a etnomedicina.

Pola súa banda, Carla Souto foi recoñecida pola obra “A perspectiva de xénero nas aulas de educación primaria cun enfoque baseado en proxectos”. No traballo deséñanse proxectos que fan visibles as contribucións femininas, deste xeito da pé a que o alumnado reflexione sobre as interpretacións deformadas de sucesos do pasado ao non empregar a perspectiva de xénero. Ademais, estes proxectos promoven, entre outras cuestións, a participación igualitaria do alumnado e a asunción de roles non estereotipados.

Entre os Traballos Fin de Máster, con dous premios de 1.000 euros cada un, Marta Caldas alzouse con este recoñecemento a través do traballo titulado “A paridade na representación política da muller nos concellos clasificados como zonas pouco poboadas da provincia de Pontevedra”, onde se analiza a paridade na participación política feminina no eido local tras as eleccións de 2019. Tendo en conta esta investigación a presenza das mulleres nas corporacións locais é inferior á dos varóns en 28 dos 31 concellos obxecto de estudo.

Por outra banda, foi o traballo “As Sensombreiro: voces silenciadas da Xeración do 27” o que fixo que Tania Souto gañara un dos premios do certame. Trátase dunha unidade didáctica na que se propoñen actividades pensadas para achegar a literatura das mulleres pertencentes á Xeración dos 27. Esta unidade consta de tarefas pensadas para traballar aspectos como a situación da muller nas primeiras décadas do século XX así como para desenvolver diferentes competencias educativas.

Ademais, Andrea Pérez conseguiu un áccesit de 500 euros polo seu traballo “Traballar a publicidade nas aulas con perspectiva de xénero” no que fai fincapé no feito de como a publicidade incide na sociedade e reproduce estereotipos de xénero. O traballo céntrase nas nenas e nos nenos, quen reciben esta publicidade sexista que inflúe de xeito directo no seu proceso de socialización.

A Deputación de Pontevedra apoia a través destes premios os traballos e iniciativas que loitan a prol de estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e de integrar a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade. Deste xeito, dende a creación destes galardóns premiáronse traballos que fomentaban a igualdade en ámbitos como a educación, o audiovisual, a lingua ou a ciencia. 

Ademais, con eles tamén se pon en valor a figura de Sofía Novoa unha muller silenciada pola historia pero cun grande compromiso coa cultura, especialmente ligada ao mundo da música. Esta viguesa foi unha pedagoga que loitou para que as mulleres puideran ocupar os espazos públicos e tamén unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior de moitas mulleres.