Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O BNG celebra o 90 aniversario do Partido Galeguista coa vista posta na presidencia da Xunta

Anta Pontón con Miguel Anxo Fernández Lores no acto celebrado no Teatro Principal de Pontevedra

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou en Pontevedra a demanda dun novo “status político de nación” e autonomía financeira para Galiza, “que pasa por ter aquí a chave dos nosos cartos”. É a mellor maneira, dixo, de “reequilibrar” a balanza e facer valer os intereses do pobo galego, “e iso pasa por ter peso político e capacidade para decidir aquí sobre os nosos asuntos”, recalcou, fronte ao centralismo "do que tamén forman parte os lobbies económicos do IBEX, que actúa como aspirador dos recursos do país". Entre estes citou a Ence, Audasa ou as eléctricas “ás que se abraza Feixóo”. “Queremos que a enerxía se poña ao servizo da xente e das empresas galegas”, alegou na súa intervención, nun acto de celebración dos 90 anos de fundación do Partido Galeguista en Pontevedra, no que tamén tomaron a palabra o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.

Pontón  asegurou que o nacionalismo galego atópase nun novo ciclo, dirixido á acoller no seu proxecto á maioría da poboación galega co reto político de acadar por primeira vez a presidencia da Xunta de Galicia.

“Mentres as forzas estatais se unen para adorar unha Carta Magna que deixou todo atado e ben atado, o BNG celebra os principios democráticos e republicanos que forman parte do ADN do nacionalismo galego desde as súas orixes. E estamos aquí para seguir escribindo novas páxinas na historia deste país”, destacou. “Imos derrotar aos que nos din que non é posíbel, facer realidade os nosos soños, con humildade, determinación e orgullo imos construír esta nación viva, o gran país moderno e con futuro, a gran Galiza que queremos e que merecemos”.

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu o acto de conmemoración da fundación do Partido Galeguista, un 6 de decembro de hai 90 anos.

Pontón destacou do PG o seu proxecto transformador e modernizador co Estatuto do 36 como punto de partida que, tras un esforzo “titánico”, incluía o recoñecemento nacional de Galiza.

“A firmeza, convicción e amor” permitiu manter en pé “a nación viva que somos hoxe”, subliñou Pontón, e iso é o que celebrou o BNG no acto de Pontevedra, “non a Constitución que blinda a impunidade dunha casa real corrupta, nin a que nega a plurinacionalidade e impón un centralismo letal, nin a que apuntala unha democracia de baixa calidade trufada de portas xiratorias, de corrupción institucionalizada e de control partidista dos órganos xudiciais”, argumentou. E todo coa complicidade das forzas estatais perpetuando o peor do réxime do 78, incluídas PSOE e Podemos, como se constatou na “vergoñenta” renovación do Tribunal Constitucional.

Como contrapunto, o BNG herdeiro do Partido Galeguista e do seus ideais para a nación galega, un Bloque que encara un novo ciclo político co reto de liderar a Presidencia da Xunta, “porque somos un proxecto ganador e imos disputarlle a hexemonía ao PP como xa fixemos en Pontevedra, indicou Pontón, un reto que require, de toda a humildade, intelixencia colectiva e de toda a ambición”.

“O BNG é o Partido Galeguista do século XXI, vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe”, proclamou a portavoz nacional, tras subliñar que se ben o mundo cambio substancialmente ao longo destas nove décadas, hai algo que non mudou: “A necesidade do nacionalismo para Galiza, que precisa máis que nunca forzas políticas coas mans libres para defender os seus intereses”.

A necesidade dunha forza coa cabeza e co corazón no país, capaz de frear un centralismo “que se estende como mancha de chapapote, viscosa e contaminante, para tapar a realidade dun Estado que é plurinacional, pluricultural e plurilingüe”, destacou. Por iso, o Bloque celebra hoxe que “Galiza é unha nación”, como antes fixeron os homes e mulleres do Partido Galeguista, persoas comprometidas, con ideais, e compromiso militante. 

Persoas, recordou, como Castelao e Bóveda, e con eles, unha “equipa de primeira” como os irmás Vilar Ponte e Suárez Picallo, Victor Casas, Johan Carballeira, Ánxel Casal ou Otero Pedrayo. Pero tamén ilustres mulleres, que Pontón quixo expresamente reivindicar, como Amparo López, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Antonia Pardo, Amalia Álvarez, Ernestina Otero e tantas outras. “Porque elas foron, somos. E porque somos, o futuro de Galiza será feminista, ou non será”, proclamou a líder nacionalista.

“Imos construír unha Galiza en grande que deixe atrás a Galiza en pequeno que nos lega o PP de Feixóo, porque o BNG ten confianza no País, no seu potencial e sabemos cara onde queremos camiñar: cara unha Galiza máis xusta, con servizos públicos fortes, á vangarda na loita contra a emerxencia climática, con base na ciencia e na innovación, con oportunidades para a mocidade, feminista, unha Galiza internacionalista e solidaria, que defenda os dereitos dos pobos e unha democracia de calidade”, enumerou a líder nacionalista.

Compartir el artículo

stats