Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Yolanda Moares | Subdirectora de Enfermería da área sanitaria

“Xa é hora de que se recoñeza o papel protagonista das enfermeiras no sistema”

A profesional do CHOP salienta o “gran esforzo” que fai este colectivo para vacinar á poboación

Yolanda Moares no Hospital Montecelo de Pontevedra. Rafa Vázquez

– Chega á area sanitaria de Pontevedra como subdirectora de Enfermería, como afronta esta nova etapa? marcouse algún obxectivo?

– Con ilusión, optimismo e ganas de actualizar a enfermería de Atención Primaria ás necesidades actuais das persoas. Na sociedade existe un gran descoñecemento sobre a disciplina e profesión enfermeira, vista en moitos casos como mera executora de técnicas. É importante chegar á cidadanía, que coñezan o que a súa enfermeira de Atención Primaria pode facer para axudarlle e os coidados que pode ofrecerlle.

Como obxectivos prioritarios, estabilizar a atención de coidados despois da vacinación e potenciar a recaptación e seguimento do paciente con condicións crónicas a través de directrices e criterios homoxéneos. Achegar as enfermeiras máis os pacientes, incrementar a súa capacidade de resolución e, por suposto, fomentar a atención comunitaria.

– A vacinación estase a desenvolver en pleno crecemento dunha nova ola da pandemia, que lle preocupa máis dende o punto de vista da Enfermería?

– A maior preocupación é que se desestabilice o control de pacientes en situación de cronicidade e perdan o sentido da autoxestión da enfermidade, que se perda ese empoderamento e avancen a estadios máis complexos da enfermidade. No 2018 publicouse a Estratexia Galega para a Atención a persoas en Situación de Cronicidade que será preciso potenciar dende a Atención Primaria, un modelo de traballo coordinado e innovador, orientado a incrementar a calidade da atención, a satisfacción das e dos enfermos e a implicación de todos os profesionais.

A maior preocupación é que se desestabilice o control de pacientes en situación de cronicidade

decoration

A inquietude sobre o incremento da incidencia da COVID fai que o acrecentamento no ritmo de vacinación coa dose de reforzo sexa levado ó máximo. Xa se vacinaron as persoas maiores de 80 anos e estase cos de 70 a 79 anos. O ritmo non baixa, e decontado se comezará coas persoas maiores de 60 anos. Simultaneamente adminístrase a segunda dose ás persoas que recibiron a vacina de Janssen, mantense aberta a autocita e vacinación libre para primovacinación ou persoas con algunha dose pendente e séguese vacinando á xente nos seus domicilios. Así mesmo, todos os días se chama por teléfono á xente que non acudiu a vacinarse por se non recibiu o SMS e darlle unha nova cita.

As enfermeiras están facendo un gran esforzo para poder vacinar canto antes á poboación máis vulnerable, tanto nos espazos de vacinación masiva, coma nos domicilios das persoas que precisan atención domiciliaria.

– Que balance fai deste último ano e medio? Como lembra os primeiros días da pandemia e como os afrontan agora os profesionais? Mudou dalgún xeito a súa visión da sanidade?

– Os sistemas sanitarios e todas as persoas que traballan nel demostraron e demostran cada día unha capacidade de adaptación inimaxinable. Lembro o inicio da pandemia, dende unha unidade de hospitalización COVID na que traballaba naquel momento. O medo era o sentimento que se respiraba en cada recuncho, en cada conversa, o medo ó descoñecido, pero este temor foi convertido en fortaleza para coidar da xente, coidar, tanto dos pacientes, coma das propias compañeiras. Agora existe un sentimento xeral de esgotamento, son moitos meses de traballo e sacrificio.

A visión do sistema sanitario mudou para darlle máis importancia á saúde publica, que debe ser potenciada, pero non só relacionada co control de enfermidades transmisibles. A saúde pública e comunitaria tamén ten un papel imprescindible na prevención e control de enfermidades non transmisibles.

– Vostede vacinou á primeira muller contra o COVID en Galicia e foi a primeira profesional en recibir a segunda dose da vacina. Tamén recolleu a Medalla de Ouro de Galicia 2021 polo dispositivo COVID. Como lle teñen marcado estes fitos?

–Como dixen en innumerables ocasións, a min tocoume ser a cara visible da campaña de vacinación, pero represento a un colectivo. As enfermeiras soen ocupar un papel secundario, xa é hora de que se recoñeza o papel protagonista que ocupan no sistema sanitario.

Os sistemas sanitarios e todas as persoas que traballan nel demostraron e demostran cada día unha capacidade de adaptación inimaxinable

decoration

– Considera que visibilizar este tipo de actos animan á poboación a vacinarse?

– Visibilizar a vacinación anima claramente a vacinarse porque é un acto individual de protexernos e de solidariedade cara o resto dos cidadáns que nos rodean, para protexelos.

– Cales son os argumentos máis frecuentes dos cidadáns que non se queren vacinar?

–Na actualidade temos innumerables fontes de información ao alcance das nosas mans, moitas das cales non son fiables. A xente que quere buscar argumentos en contra das vacinas atópaos. A sobreinformación en gran parte dos casos convertese en desinformación. O egoísmo e egocentrismo de algunhas persoas lévaas a non vacinarse.

– Fala do papel protagonista das enfermeiras no sistema sanitario, pensa que coa pandemia se lles dará o recoñecemento que merecen?

–Visibilizouse moito a figura das enfermeiras durante a pandemia, dende as unidades de hospitalización ou de coidados críticos, pasando polo seguimento dende Atención Primaria (para o cal odesenvolvemento do teleseguemento, TELEA, foi clave) ata a planificación da campaña de vacinación. Pero o traballo das enfermeiras vai máis alá da administración da vacina ou da planificación dunha campaña de saúde pública coma esta, é unha oportunidade de poñer no centro do debate a importancia dos coidados profesionais en todas as etapas da vida, coidados para preservar a saúde, evitar a enfermidade e restablecer a saúde ou a autonomía como persoas.

“É preciso revitalizar o concepto da Atención Primaria”

– É a vicepresidenta da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria, cales son os obxectivos deste colectivo?

– AGEFEC é a sociedade científica que agrupa ás enfermeiras de Atención Primaria dende fai xa 15 anos. O seu principal obxectivo é mellorar os coidados que se prestan dende a Atención Primaria á cidadanía. Fomenta a especialización das enfermeiras, a investigación en coidados, a actualización e formación continuada, a innovación e promove cambios na organización e xestión de coidados nas organizacións sanitarias.

– Por que é tan importante que se reconoza esta especialidade?

– As enfermeiras cada vez están máis formadas, polo que as súas competencias tamén aumentan. Ademais da formación universitaria de grado, catro anos, as enfermeiras poden seguir formándose, para o que existen as especialidades de enfermería, que consiste en dous anos máis de formación tras superar un exame a nivel nacional, o EIR. A especialidade de enfermería máis coñecida pola poboación é a de matrona pero existen outras como son saúde mental, pediatría, xeriatría.... e a que nos atinxe agora, Enfermería Familiar e Comunitaria, que presta coidados no ámbito da Atención Primaria.Ten competencias avanzadas na atención clínica directa no ámbito da atención familiar e comunitaria a persoas ao longo do seu ciclo vital e ás familias en todas as súas etapas. Así mesmo tamén ten competencias vinculadas coa saúde pública e comunitaria, relativas ao deseño de programas de educación para a saúde, a vixilancia epidemiolóxica, tan relevantes na actual situación de pandemia.

– Como cre que se debe potenciar a Atención Primaria?

–É preciso revitalizar o concepto e espírito da Atención Primaria. Lembrando a súa definición en Alma-Atta (1978), que nos fala da “autorresponsabilibidade”. Débese formar á poboación para potenciar o seu autocoidado, desmedicalizando os procesos ou problemas de saúde que non precisan fármacos nin atención médica. Empoderar á poboación para que coñezan e manexen a súa propia enfermidade. Antes da pandemia xurdiron numerosas iniciativas que falan do paciente experto, quen máis interese ten por coñecer a súa enfermidade e o seu manexo é o propio paciente, e os profesionais sanitarios debemos escoitar e servir de guía, evitando o paternalismo que actualmente en certa medida predomina. Dando prioridade e tempo aos programas de educación para a saúde. Tamén nos fala da “atención ás familias e á comunidade” e da “plena participación”.

Yolanda Moares comeza unha nova etapa na súa traxectoria profesional como subdirectora de Enfermería na área sanitaria de Pontevedra. Ela foi a profesional que vacinou en decembro de 2020 a Nieves Cabo, a primeira galega en recibir unha dose contra o COVID. Firme defensora da especialización das enfermeiras, lembra que o traballo destas “vai máis alá da administración da vacina” e que é preciso poñer no centro do debate a importancia dos coidados profesionais en todas as etapas da vida.

Compartir el artículo

stats