Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Culturgal revive en Pontevedra co público familiar

Vista xeral do Recinto Ferial onte sábado. Rafa Vázquez

Pontevedra e a súa contorna tiñan ganas de cultura. E así quedou demostrado onte na primeira xornada do Culturgal 2021, caracterizada por recuperar a presencialidade do público tralo ano máis duro da súa traxectoria: o da pandemia do COVID.  

Cunha oferta durante dous días que supera o cento de actividades e un número de participantes similar, a feira das industrias culturais galegas non deixou indiferente a ninguén, tanto en variedade como en orixinalidade. 

Desde as once da mañá e ata as nove da noite, con todos os espazos abertos e en funcionamento, o Culturgal recibíu a centos de persoas, que pasaron polo Pazo da Cultura de Pontevedra, moitos deles coñecedores en profundidade do programa ofertado, pero tamén abundaron os curiosos que preferiron deixarse sorprender. En xeral, o público familiar foi o protagonista da primeira xornada da feira, que continúa e remata hoxe, tamén en horario de mañá e tarde.

Presentacións literarias

Como é habitual cada ano, o sector editorial ten unha presenza moi grande no Culturgal. Onte sábado se presentaron varios proxectos editoriais, como “Rodolfo e Priscila”, da Editora Indecisa e da man dos autores Carlos Meixide e Berta Dávila. Tamén se celebraron conversas de autores que presentaron os seus últimos títulos ao público: Arantza Portabales, Ledicia Costas, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Xosé María Álvarez Cáccamo ou o Colectivo Rompente. 

No Espazo Libro tamén tivo unhan presenza destacada a banda deseñada, cos últimos Premios Castelao da Deputación da Coruña e os novos proxectos do historietista e ilustrador de Pontevedra, Kiko da Silva.

Varias mulleres nun stand de libros no Culturgal. Rafa Vázquez

Documentais

A sala de cinema foi unha das máis concorridas no horario de tarde, coa proxección e coloquio de dous documentais: “Negro Púrpura”, de Illa Bufardam, e “Beiras Vivir2veces”, de Produtora Ollovivo, que contou coa presenza dunha figura esencial da política galega, Xosé Manuel Beiras.

Así mesmo, o Auditorio acolleu cinco concertos, incluíndo a presentación do disco “Calma”, o primeiro en solitario do clarinetista Fernando Abreu coa colaboración do pianista pontevedrés Alberto Vilas.

Pero se houbo un espazo que rebordou público con centos de persoas durante todo o día, ese foi o infantil. Houbo contacontos da man de Triqueta Verde, a Fundación Uxío Novoneyra e a cooperativa Charlatana. As propostas musicais para os máis cativos viñeron da man de Barafunda e da nova proposta de A Reixa Producións ao redor da música dos Beatles.

Moi interesante foi tamén a proposta de Funboa Escénica con Technocracia, inspirándose nas festas techno ou “raves” para desenvolver unha experiencia afectiva e sensorial como un acto de insistencia e resistencia en comunidade.

A Culturgal TV

Marcada pola edición anterior do ano da pandemia, a feira continuou nesta entrega coas emisións de Culturgal TV. Pode seguirse a través de www.cultur.gal e da canle youtube da feira, pero tamén na web da TVG e na canle youtube de Nós Televisión.

Dende a organización salientan que “Culturgal TV quere traer á Culturgal os públicos que sempre se botaron en falta pola súa presenza testemuñal na feira; é o caso das comarcas galegas do interior e, de maneira destacada, da comunidade galega no exterior. É a canle do evento. Unha televisión cultural de fin de semana que permite coñecer, dende a casa, as propostas de cine, música, danza, literatura, teatro, etc.”

Nenos interactuando na feira das industrias culturais. Rafa Vázquez

Bono Cultura e videoxogos

As institucións patrocinadoras da Culturgal tamén aproveitaron o espazo feiral para dar a coñecer as súas propostas.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia presentou o bono cultura, o programa de descontos en produtos e servizos cultural que se pode desfrutar ata os 31 de decembro. Tamén avanzou as liñas de traballo que desde a administración autonómica se porán en marcha en 2022.

Ademais, anunciou as diferentes iniciativas encamiñadas a impulsar o sector dos videoxogos a través do “Hub Audiovisual”. 

O director da Axencia das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e Manuel Rey e Luz Castro, secretario e tesoureira de Videoxogo.gal, interviron onte nunha sesión na que participaron tamén representantes de catro destacadas empresas galegas do sector para abordar os proxectos que están a ultimar nestes momentos: Intruder in Antiquonia, de Aruma Studios; The Waylanders, de Gato Studio; Super Woden GP, de Víctor Justo, e Rai, de Wood Games.

O Culturgal continuará hoxe domingo cunha ampla programación nos seus diferentes espazos e repetindo horario, entre as 11 e as 21 horas.

A aposta da Deputación : "Unha provincia de película"

Cultura para todos, accesibilidade, inclusión, respecto ao medio ambiente e a igualdade como eixo transversal a todas as accións foron as premisas coas que a Deputación de Pontevedra presentou onte no Culturgal “Unha provincia de película!”, a nova programación da institución para 2022, marcada polo audiovisual.

A presentación arrincou cun vídeo sobre os “Rías Baixas Film Fest” con FICBueu, Curtas Armadiñas de Poio, Novos Cinemas de Pontevedra, Cans do Porriño, Play-Doc de Tui, Primavera do Cine de Vigo, AGAIN de Vigo, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía e o Galicia Freaky Film Festival de Vigo.

O vindeiro martes a Deputación acollera a xornada “O audiovisual e a reactivación: oportunidades para o sector e para os concellos”, da man da Spain Film Comission e o Cluster Audiovisual Galego.

Na presentación confirmáronse outras novas iniciativas como as xornadas “Cinema Mulleres”, os días 11 e 18 de decembro, para visibilizar, reflexionar e debater con perspectiva de xénero sobre cinema.

Tamén están pechadas dúas exposicións arredor do cinema e da fotografía como “Cines de Pontevedra. Memorias dunha ilusión”, mostra itinerante sobre a historia dos cines da provincia, e a da artista Rosa Neutro “Pequena enciclopedia de fotografía”. 

Igualmente, se retomará a iniciativa “Cinema e muller” e seguirán “Pontevedra Plató de Cinema”, patrocinio de cinema feito en Galicia que leva xa apoiado ata nove producións en dous anos.

Lanzarase dúas iniciativas para empregar a arte e a cultura a fin de relacionar e emprender no territorio: “Mulleres extra muros” e “DepoCrea”.

Continuarán os programas emprendidos para dinamizar os espazos patrimoniais da provincia como “Tornar ás táboas”, “Música no Ar”, “Musigal”, “Historias cavadas” , “Rutas de Arquitectura” e os “Roteiros Literarios”. 

A Deputación tamén seguirá celebrando ás históricas mulleres da cultura, como se fixo neste 2021 con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e María Vinyals. Festexaranse efemérides como o Día de Rosalía, o Día do Teatro, o Día da Poesía, o Día do Libro, o Día da Danza e o Día da Música, e datas históricas vencelladas á cultura como o Día das Artes Galegas que, no 2022, porá o aceno no pintor lalinense Laxeiro, ou festexando o centenario do nacemento de María Casares.

Compartir el artículo

stats