Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Culturgal volve á presencialidade con más dun cento de actividades en dous días

A feira das industrias culturais ábrese hoxe ao público no Recinto Feiral de Pontevedra en horario de mañá e tarde

Últimos retoques a un dos stands do Culturgal. // Rafa Vázquez

Con máis dun cento de empresas e entidades participantes e outras tantas actividades programadas, a feira das industrias culturais galegas, Culturgal, recupera nesta edición de 2021 a presencialidade perdida o ano pasado por mor da pandemia do COVID. Abrirá hoxe as súas portas ao público no Pazo da Cultura e Recinto Feiral de Pontevedra, a onde durante dous días se agarda que se acheguen centos de persoas.

O acto inaugural tivo lugar onte coa presenza de representantes do Concello de Pontevedra, a Deputación e a Xunta de Galicia, así como da organización do propio Culturgal. O primeiro en intervir foi o presidente desta entidade, Víctor López García, que celebrou que a feira se poida desenvolver coa asistencia de pública normalizada.

Despois de agradecer a todas as empresas que co seu esforzo enchen os stands do Recinto Feiral, sinalou que “queremos reencontrarnos e queremos converter esta fin de semana Culturgal nese punto no que conflúen moito traballo, presentacións de novos proxectos, avances do vindeiro ano, acordos e alianzas, ocio e diversión tamén para o gran público”.

Lembrou que a emisión en “streaming” que se utilizou o ano pasado se manterá nunha canle, a Culturgal TV, que achegará os contidos a todas as persoas que non poidan vir a Pontevedra.

Exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía, no exterior. // Rafa Vázquez

Colaboración institucional

A primeira das representantes das administracións públicas en intervir foi a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que salientou o feito de que o Culturgal estea asentado na capital das Rías Baixas: “Este é o seu sitio”.

“Nos últimos anos está habendo un rexurdir da cultura en toda Galicia e particularmente nesta provincia de Pontevedra, onde temos un gran talento en todas as disciplinas culturais e onde a creatividade é un sinal de identidade e onde a noxa xente síntese orgullosa. As administracións públicas teñen a obriga de promover, potenciar e investir na cultura porque non hai sociedade avanzada sen unha cultura potente e forte. A cultura é humanismo, talento, constrúe sociedades mellores, é o instrumento que temos os seres humanos para apostar polo pluralismo, o respeto a diferentes ideas e o pensamento crítico”, resumíu.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, resaltou a capacidade da cultura de “aunar esforzos”. “O Culturgal é unha das feiras máis significativas da cultura en España”

Recoñeceu estar preocupado pola actual situación da pandemia, que está a empeorar, por iso pedíu prudencia e responsabilidade a todos os participantes. En todo caso, subliñou a capacidade da cultura para dar un exemplo de adatpación e reinventarse despois da irrupción da COVID.

Representantes das administracións colaboradoras e da organización do Culturgal. // RAFA VÁZQUEZ

Por último, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, considerou que o Culturgal “é o reflexo mesmo de Pontevedra”. “A cultura é o segundo sector do noso municipio que máis emprego crea. É un orgullo estar hoxe aquí e unha sorte recuperar a esencia desta feira, que é punto de encontro de creadores, distruibidores e consumidores”

Pechou a súa intervención poñendo o foco no descenso do uso da lingua galega, especialmente por parte da xuventude, e convidou ás institucións a “facer algo para frear este descenso pequeno pero sistemático. Non podemos estar tan felices ante esta situación”.

O acto inaugural rematou cunha visita á Sala de Exposicións, para presentar aos artistas que estarán estes días dando a coñecer o seu traballo, e ao Recinto Feiral, onde se estaban a acondicionar o stands de cara a súa apertura hoxe e mañá domingo de 11 a 21 horas.

Compartir el artículo

stats