Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha fin de semana para disfrutar da creatividade

Culturgal recupera a presencialidade con máis de 100 actividades para todos os públicos e estrea canle de televisión

Os nenos son uns dos públicos estrela da Culturgal, que recupera presencialidade tras da pandemia. | / R.V

A cultura que toca. É o lema do Culturgal, que recupera a presencialidade neste 2021 tras unha edición marcada pola pandemia na que a práctica totalidade dos contidos se reconvertiron ao formato on line. Será unha intensa fin de semana de reencontro na que se sucederán máis de 100 actividades vinculadas ao libro, o audiovisual, a música, as artes escénicas, o púbico infantil, arte contemporánea ou aos novos contidos interactivos.

A gran cita da industria cultural galega (está organizada polas cinco principais organizacións gremiais do sector, Escena Galega, Agapi, Asociación Galega de Editoras, AGEM e Eganet) principiará hoxe ás 13 horas. Incluirá 119 estands de fundacións, administracións e 80 empresas que terán presenza física.

A feira mantén os seus prezos (3 euros a entrada xeral, 2 para menores de 16 anos e os nenos ata 3 anos entran gratis) e nesta edición lanza a Culturgal TV, unha canle de fin de semana que transmitirá unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra e que está especialmente pensada para achegar os contidos ás provincias máis alonxadas, Lugo e Ourense, e aos públicos da diáspora.

A petición das empresas a feira estrea horario e hoxe non poderán visitarse os estands a fin de que dispoñan de máis tempo para a montaxe. Os que sí se celebrarán son os encontros profesionais (a partires das 17 horas), que abordarán temas como a xestión dos proxectos de pospandemia ou a accesibilidade autiditiva na cultura. Precisamente a organización incide en que, cada vez máis, as iniciativas do sector pivotan sobre a accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade.

Así, a xornada de hoxe será exclusiva para profesionais e públicos interesados, que poderán entrar gratuitamente. O grupo de investigación G4 plus da Universidade de Vigo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o director do Centro Dramático Galego, Cándido Pazó, os directores de escena Cándido Pazó e Marta Pazos, o técnico de accesibilidade da Asociación de Colaboración y Promoción del Sordo (Acropos) Rubén Capelán e a coordinadora desta asociación, Imaculada Tabernero, así como Montxo Solórzano, persona xorda implantada e pinchaciscos, serán algunos dos participantes nos encontros profesionais.

Tamén intervirán esta tarde Patricia Hermida, autora do Manual de Boas Prácicas para a realización de espectáculos ao vivo, a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Pilar Portela, o consultor de seguridade Angel Dieste e a consultora de sustentabilidade María Baqueiro.

A reserva de todos os estands, a afluencia de propostas que chegaron á Asociación Culturgal para deseñar a programación e o alto ritmo de venda de entradas (varios espectáculos xa teñen dende fai días todas as entradas vendidas) animan á organización a pensar que “hai moitas ganas” de coñecer as novas do sector e de que a feira volverá ser punto de encontro de centos de espectadores e profesionais, dende escritores a actores, directores de cine, deseñadores de xogos etc.

Propostas rupturistas

Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, convida ao público a que “indague no programa, que vai ver que reserva moitas propostas rupturistas, inesperadas, innovadoras, propostas que nos conectan con públicos de gustos e idades diversas, sempre coa ollada posta nas novas audiencias. Sen esquecer os clásicos do Culturgal, como é ser un paraíso anual para os amantes do libro e da lectura”.

O presidente de Culturgal será hoxe un dos participantes no acto de apertura. Ademáis de Víctor López, intervirán a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Seguirá unha visita aos expositores que se atopan montando os estands no recinto e á exposición A Casa de Rosalía, instalada no exterior do Pazo pola Fundación Rosalía de Castro.

Xa pola tarde, ás 18.45 horas celebrarase no vestíbulo do Pazo a recepción e benvida ao equipo da película “Malencolía” de Alfonso Zarauza, que se preestrena na Culturgal ás 19 horas con entrada libre.

Compartir el artículo

stats