A Deputación vén de lanzar o concurso escolar “Lebres como Gacelas” entre o alumnado de Secundaria da provincia, un certame que se enmarca nas actividades en homenaxe á autora das Letras Galegas 2021, XelaArias. O concurso, que busca achegar a figura e o legado de Arias ao público máis novo amais de fomentar a súa creatividade une, como no caso da mostra, poesía e fotografía e premiará tanto aos é ás estudantes como aos centros onde estudan.

Para participar, o alumnado de Secundaria dos centros de ensino da provincia deberá realizar creacións artísticas (unha por autor/a) que combinen fotografías e poesías inéditas. Unha persoa responsable do centro educativo, unha mestra ou un mestre ou a Dirección do centro, presentará cada una das creatividades realizadas polos alumnos e alumnas, identificadas co nome, coa idade e co centro da persoa participante. A proposta artística enviarase en formato JPG ou PDF e cunha alta resolución ao correo electrónico: participa.igualdade@depo.gal e o prazo de entrega finalizará o 5 de novembro. A Deputación recoñecerá ao instituto gañador cun mural dedicado a Xela Arias que realizará a artista Tania Solla e unha actividade lúdica e interactiva sobre Xela impartida polo Correo do Vento.