A Casa das Campás será escenario hoxe da presentación do libro “O día que detivemos o tempo”, de José-Domingo Vales, publicado por Edicións Fervenza.

O debut comezará ás 20 horas e nel o autor estará acompañado por Jorge Soto Carballo, vicerreitor da Universidade de Vigo; Carlos Acuña Rubio, presidente da Academia de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia; Lauro Xosé Pedreira Ares, licenciado en dereito e profesor; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os responsales da edición suliñan que “O día que detivemos o tempo” é unha quimera na que se recrea certa insólita situación. “Logo dunha serie de vicisitudes –moitas delas, evidentemente históricas–, son convocadas por unha xornalista da Habana, seis escritoras galegas (Concepción Arenal, Fanny Garrido, Rosalía de Castro, Emilia Pardo-Bazán, Filomena Dato Muruais e Sofía Casanova) para unha entrevista colectiva. Nela aportarase experiencia e coñecementos, apoiando un labor social en favor da muller, en xeral, e particularmente, da muller galega emigrada en Cuba, buscando a súa maior proxección social e dignificación da condición feminina”,

Polas limitacións ligadas á COVID, o acto estará condicionado polas medidas necesarias para que se fagan respectar as distancias de seguridade, sendo obrigatorio o uso de máscara e a organización prega ao público que se achegue 30 minutos antes do comezo para evitar aglomeracións, pois a entrada é libre ata completar o aforo.