O Concello de Pontevedra pon en marcha a segunda edición do programa Falamos. Trátase dun traballo conxunto entre o Concello, o alumnado da Universidade de Vigo e a área de normalización lingüística desta entidade universitaria. A primeira edición chegou coa pandemia como pano de fondo. Unha situación complexa que non permitiu o normal desenvolvemento do programa como prestaría a todas as partes, funcionando máis que como primeira edición, como unha “edición cero”, tal e como a definiu Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización. Agora, logo de recompilar os resultados e as ideas do ano pasado, volve ser argallado un programa novo, unha edición que xa comezou e que se desenvolverá ao longo de todo o curso. Porén, os obxectivos non mudan: “Axudar a dar o paso ás persoas castelán falantes que chegan á Universidade e que queren comezar a usar o galego decotío, formar parte da súa comunidade de falantes, e tamén manter o uso da lingua naquelas persoas que xa veñen con ela da casa”. Así, o Concello o que quere é “aportar o seu gran de area” á hora de reverter estes procesos de castelanización e de ocultación social da lingua.

“Chegar á universidade sempre é un momento de moitísimos cambios”, explicou Oubiña. “Cambias de cidade, cambias os teus hábitos, as túas rutinas… Todo cambia, incluíndo as túas relacións. Por iso, cambiar de lingua neste intre pode ser máis fácil que noutro espazo e noutro momento, por iso queremos estar aí, axudar neste paso, botar unha man a que máis xente fale galego”.