No 800 aniversario do nacemento de Afonso X, “o Dante das letras galegas”, a Real Academia Galega (RAG) recupera a escolma das cantigas feita polo polígrafo pontevedrés Filgueira Valverde. Faino nunha edición dixital de acceso libre a través da sección de publicacións de academia.gal.

A RAG impulsou no ano 1980 a primeira escolma da obra de Afonso X feita en Galicia, unha obra ao cuidado do académico Filgueira Valverde que saiu do prelo co gallo do Día das Letras Galegas adicado ao monarca “a cuxo padroado se deben as Cantigas de Santa María, un dos monumentos máis senlleiros da da cultura europea da Idade Media”, lembra a institución cultural.

Filgueira suliña na obra que achegarse á figura e aos feitos de Afonso X “é atopar un dos máis ferintes paradoxos da historia de Galicia”: o meirande clásico da nosa lingua e tamén un rei alleo, cando non adverso, á nosa terra

Este legado cultural foi transmitido en catro códices con máis de 400 cantares en galego. Filgueira Valverde, un dos grandes especialistas na obra de Afonso X, reuniu e comentou neste volume as sete cantigas “que teñen unha localización galega clara, xunto a outras catro sobre os grandes milagres da paregrinación a Santiago e dúas sobre lendas relixiosas universais”, sinalan as mismas fontes.

A escolma complétase con sete pezas profanas de escarnio e maldizer do rei, con referencias a personaxes galegas.

Filgueira suliña na obra que achegarse á figura e aos feitos de Afonso X “é atopar un dos máis ferintes paradoxos da historia de Galicia”. Foi o meirande “clásico” da nosa lingua. O seu rol nas letras galegas do medievo pode ter comparanza co que ten o Dante nas da Toscana; non é doado atoparlle parella de obra persoal e de corte nas outras literaturas da Romania. Porén, foi un rei alleo, cando non adverso, á nosa terra.