O Teatro Principal acollerá o vindeiro sábado, día 5, o acto de entrega da segunda edición dos Premios Mil Primaveiras, que recaen nos proxectos “Enreguéifate” e “Regueifesta” (como programa estabilizado), “Galeguiza-T” (como novo), “Dígocho Eu” (pola súa comunicación e impacto), “Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega” (como máis innovador), “Projeto Educativo Semente” (na categoría destinada a infancia), “Galegoempresas” (como iniciativa dun ámbito sectorial) e “O galego , a miña lingua propia” (mención especial).

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) creou en 2019 os premios para “valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso ou prestixio”.

Nesta edición presentaronse 37 proxectos, entre os que destacan como estabilizados os programas conxuntos “Enreguéifate” e “Regueifesta”, que desenvolven os SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, por ser “un proxecto interxeneracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais”.

O acto de entrega será público, con acceso libre ata completar a capacidade do teatro, e estará conducido pola actriz, narradora e presentadora Bea Campos, co acompañamento musical de Manuel Pombal (ambos de Migallas Teatro). Os galardóns identificativos dos premios consisten nunha peza artística “elaborada coas técnicas tradicionais do cartón pedra e papel machucado”, suliña a organización, “obra de Electra Menéndez, responsable do oradoiro Pedras de Papel”.