Entrevista |

Peña: “A partir do íntimo, queremos falar de política a través de cancións bonitas”

O trío acústico, formado por músicos de Pontevedra e Vigo, presenta este mediodía no Galegote Rock o seu disco ‘Carreiro’

Elena Vázquez, Toño Magariños e Rubén Abad.  | // FDV

Elena Vázquez, Toño Magariños e Rubén Abad. | // FDV / Alberto Leyenda

Logo de máis de dous anos sen pisar os escenarios, Toño Magariños (voz e guitarra), Elena Vázquez (violín) e Rubén Abad (guitarra e voces) volveron a xuntarse a semana pasada para tocar no Liceo Mutante e este sábado (14:00, palco da Alameda) repiten no Galegote Rock. Polo medio deulles tempo a editar o seu primeiro EP, Fórmula, e veñen de lanzar o longa duración Carreiro, no que ensanchan o seu son a base de harmonías vocais e instrumentación variada. Son Peña e chegan cargados de fermosas cancións entre a nostalxia, a crítica e a retranca.

–Que sensacións estades a ter nesta volta aos palcos despois de tanto tempo sen tocar?

–Elena Vázquez (EV): É unha marabilla volver tocar xuntos. Sobre todo no Liceo Mutante, que é tan especial. Levamos moito tempo ensaiando, pero non é o mesmo. Temos moitas cousas novas que mostrar e imos con moitas ganas. Como experiencia é moi distinto. É unha marabilla iso de ser música.

–No disco teñen moito protagonismo os arranxos, como levades iso ao formato de trío acústico?

–EV: Case todas están arranxadas de maneira distinta. O do disco fíxose para o disco. Agora estamos facendo uns arranxos máis tipo o Peña orixinal. O Toño non sei como fai que escribe uns temas que os toca e os canta e xa non nos necesita a nós. Entón Rubén e máis eu o que facemos é intentar non molestar demasiado.

–Que tes que dicir a iso, Toño?

–Toño Magariños (TM): Coincido con ela en que os temas, tamén os de Rubén, funcionan sós, sen arranxar, pero a filosofía do grupo é o arranxo tamén. As cancións son moi básicas coa idea de que poidan existir a nivel de arranxos moi sinxelos pero tamén moi complexos. Trátase de que teñan varias vidas; o disco é unha das vidas, outra é o directo, e se algún día facemos un espectáculo diferente tamén poden variar. Gozamos de ir cambiando, de ofrecer algo que non é exactamente o do disco.

–Como foi a experiencia de gravar en pademia, sen estardes xunto nun estudio?

–TM: É moi diferente. O disco chegou ao tope. Como non houbo limitacións de tempo e había ganas, chegamos ao noso límite de experimentación, eu non podo surfear moito máis alá. Cando vas a un estudio tes un máximo de tempo. Aquí a única limitación foi cando nos gustou aos tres. Iso é moi difícil de igualar. Temos a satisfacción de chegarmos onde queríamos.

–Sería distinto de non ser polos confinamentos?

–EV: Completamente. A filosofía era arranxar ao grande, de entrada tiñamos pensados moitos arranxos con moitos amigos. Pero pasou isto e a maioría fixémolo nós ao final.

– Os tres vides de proxectos con preponderancia do instrumental, pero aquí os textos son chave.

–Vimos de formacións con moita carga instrumental. Se cadra porque ningún dos tres nos metemos de cheo no formato canción pop, nin sequera agora. Ese formato de estrofa-retrouso. Pero realmente a nosa investigación é combinar esa carga instrumental –máis que iso, penso que temos unha tendencia a pasar dos xéneros, a non facer un xénero canónico- cun formato de canción clásica. Ese é o noso traballo, o que nos pode distinguir doutras bandas.

Como non houbo limitacións de tempo e había ganas, chegamos ao noso límite de experimentación

–Son cancións en orixe moi sinxelas.

–TM: Si, ese é punto do partida, e despois xogamos.

–EV: Despois xogamos que é o bonito.

–TM: Facer unha canción sinxela que funcione é moi difícil, máis que unha complexa. Pero iso faino moita xente. Nós facemos iso e despois facemos o outro, combinalo cunha carga instrumental e que quede con personalidade.

–As letras teñen unha forte dose de política, inda que ás veces sexa de forma oblicua.

–EV: Incluso cando parece que non, iso está aí. Ten moita política e fala de cousas moi próximas, fala do amor, da familia. Á miña propia casa lévame moitas veces.

–TM: Toda expresión pública ten unha carga política. Incluso a ausencia de política é política. Facer unha canción sobre marcas de pantalóns tamén é política, moi agresivamente consumista. Todo o que facemos ten unha carga. Cando fago cancións estou pensando nas miñas obsesións socio-políticas, reivindicando o tecido socio-familiar e socio-cultural e o tecido horizontal da sociedade, e montando unha forma íntima de ver as nosas experiencias como sociedade. Tampouco penso que sexamos un grupo político en si, pero sempre reivindicaría que hai política.

–Pódese falar de política partindo do íntimo e a través de cancións bonitas.

–EV e TM: Totalmente. Iso é o que pretendemos.

–Que recepción está a ter ‘Carreiro’?

–EV: Estamos moi contentos. Está a xente con moitas ganas de escoitar cousas novas, de ir a concertos. Penso que está a gustar moito.

TM: Está superando toda expectativa. Somos un grupo co que non bailas, non fas a festa. No contexto de prepandemia era un grupo morto de nacemento. Cando todo vai a a toda velocidade, no que todo ten que ser bailar… Está superando calquera expectativa de recepción, de venta de discos, de bolos. Estou gozando deste momento dourado… na nosa minúscula escala.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents