A artista Cristina Barreiro e a concelleira Itziar Álvarez comezaron onte a realizar a montaxe da exposición de maios que se poderá visitar desde o sábado, 1 de maio, ata o día 8.

Durante eses oito días, os que visiten o centro museístico poderán gozar da arte, do traballo e da imaxinación e tradición de Cristina, cunha mostra de máis de 20 maios en pequeno formato creados por ela mesma.

Esta mostra ten por obxecto manter vivo o espírito dos maios, unha festa popular moi arraigada no noso municipio. Os maios en Marín teñen unha importante tradición, onde as embarcacións marcan tamén un punto distintivo propio da nosa vila. Este ano, dadas as restricións da pandemia, non se pode realizar un acto multitudinario na Alameda coma outros anos e por iso o Concello aposta por esta exposición de pequeno formato.

Ademais do 20 maios da artista, exporase tamén un natural. Os visitantes poderán levarse a copla do Maio da Bruxa, con letra de Julio Santos, e estarán expostas as coplas dos anos 1953, 1954 e 1955 e unha sen rematar do gran defensor desta festa, Manuel Torres, que se custodia nos fondos do Museo.

O Concello colabora coa Festa dos Maios organizada polo Ateneo, asumindo o gasto dos premios dados por este aos maios realizados polos colexios e que poderán expoñer as súas réplicas e os seus barcos, tras a cancelación por motivos sanitarios da festa da Alameda.

Nese senso, a xunta directiva do Ateneo San Cecilia, acordou hai uns días cancelar a tradicional Exposición de Maios e Embarcacións na Alameda de Marín o primeiro día de maio.

Non obstante, o certame mantense no que respecta á participación nos propios colexios e asociacións, onde os membros do xurado acudirán a valorar o traballo respectivo realizado, que puntuará de 1 a 10.

Haberá catro seccións de competición: Maios no seu conxunto, carta, construción de barcos e carta. En cada sección haberá un primeiro premio de 120 euros, un segundo de 80 euros e un terceiro de 50.