Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Joshua Juárez Paz nn | Coxerente e secretario xeral da firma irlandesa Yawl Bay Seafood

“Estou contento coa miña vida en Irlanda, pero Pontevedra é onde prefiro estar”

“Os irlandeses en todo momento antepoñen o benestar das persoas sobre o demais”

Joshua Juárez Paz ante a empresa irlandesa na que traballa. FdV

Cando daba patadas ao balón no patio do colexio Vilaverde de Mourente, ou estudaba a Secundaria no instituto Frei Martin Sarmiento, Joshua Juárez Paz (Pontevedra, 1995) non imaxinaba que o seu primeiro destino laboral estaría en Irlanda e moito menos á fronte dunha compañía. Sin ter cumpridos 26 anos de idade, Joshua Juárez é secretario xeral e coxerente da firma irlandesa Yawl Bay Seafood, do grupo galego Don Camarón. Desde hai un ano vive e traballa en Youghal, condado de Cork, Irlanda.

– Como se pasa de ser un estudante a ter un posto de dirección dunha empresa en Irlanda, sen ningún chanzo intermedio?

– Presentóuseme a oportunidade grazas ó meu amigo Rodrigo Arbones, que me recomendou para facer Erasmus logo de estudar Comercio Internacional. Ainda que tiña catro meses de prácticas como estudante, ao segundo mes xa me contrataron na compañía. Agora vai xa un ano que vivo e traballo en Irlanda.

– Non sería doado para unha persoa tan nova e estranxeira poñerse á fronte dun equipo de traballo, supoño que de xente de máis idade que vostede.

– A verdade é que non tiven ningunha dificuldade grave, nin por estar nun posto así á miña idade, nin pola miña nacionalidade. Sempre fun moi ben acollido. Ainda que sí ó comezo foi complicado co Irish english, xa que o acento irlandés é totalmente diferente ao británico. Recordo que ao primeiro mes de chegar fixen o peche do ano contable; cando discutiamos os números co contable parecíanme números novos.

– Bota de menos Pontevedra?

– Estou contento coa miña vida aquí, co meu traballo e coa oportunidade que supón. Teño boas relacións e síntome moi a gusto e agradecido, mais recoñezo que Pontevedra é onde prefiro estar, na miña cidade, coa familia e cos meus amigos, pero sobre todo co meu irmán Lois e os meus pais Susana e Lito, que sempre dan o cento por cento por min.

– Nada máis chegar a Irlanda a traballar topouse vostede con varios problemas no mercado internacional: Brexit, COVID... Como o levou?

– Co Brexit tivemos unha semana complicada no comercio con Escocia, pero traballamos o 95 por cento produto irlandés e a relación con Irlanda do Norte é a mesma que antes, non muduo. Sen embargo, o COVID sí conlevou e conleva máis complicacións, até o punto de que a fábrica estivo pechada dende abril ata setembro. Foron uns meses complicados.

– Que percepción do Brexit hai onde vive vostede? –

O pensamento xeral na illa é positivo, porque beneficia no medio-longo prazo no económico, pero sobre todo porque achégalles máis á reunificación de Irlanda e iso vívese con moita ilusión.

– Que é o que máis lle gusta de Irlanda e o que menos?

– O país enteiro é fermoso, moi parecido a Galicia, pero indubidabelmente o que máis me gusta son os irlandeses. En todo momento antepoñen o benestar das persoas sobre o demais. O que menos, diría que o frío no inverno, complica visitar lugares, ainda que tampouco o impide.

– Son os galegos e os irlandeses tan semellantes como pensamos?

– Ambas son nacións celtas e nótase, sí somos moi semellantes, pero apuntaría que os galegos disfrutamos máis a arte en todas as súas áreas. Pola contra, os irlandeses son unha sociedade máis combativa, de acción.

– Como ve o seu futuro?

– Como a empresa leva só tres anos en Irlanda estamos na procura de novos produtos para ampliar o catálogo e tamén impulsando o mercado online, que cada vez é maior. É unha boa oportunidade para ampilar mercado. Tamén estamos ampliando os países de exportación, con miras en América Latina e no Golfo Pérsico.

– Dígame algo que non lle guste do seu traballo. –

O ano pasado entereime do falecemento de dous mariñeiros mentres pescaban. Esa é realmente a peor parte do traballo.

Compartir el artículo

stats