O grupo municipal do BNG de Marín conseguiu sacar adiante, cos votos dos nacionalistas e abstención do PP e PSOE, unha moción na que se solicitou o apoio á Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para a creación dunha canle “Xabarín Club” na TVG.

Ademais solicitabase instar ao Parlamento galego e á Xunta a que adopten as medidas necesarias para aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta plataforma en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.

A concelleira Lucía Santos lamentou que cando se tratan iniciativas normalizadoras para a lingua galega as propostas non obteñen unanimidade.