A nova ordenanza reguladora do impulso do galego no Concello de Poio xa é unha realidade. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo) vén de publicar o anuncio no que se confirma a aprobación definitiva deste documento, logo de que expirase o pertinente prazo que marca a lei para a presentación de posibles alegacións. Ao non rexitrarse ningunha, o texto pasa a entrar en vigor.

Cómpre lembrar que esta iniciativa, impulsada desde a Concellería de Normalización Lingüística, xa fora aprobada por unanimidade no Pleno ordinario do pasado mes de novembro. A normativa actualiza o documento anterior, que data de 1993 e que incide, ademais de en manter a regulación do galego en apartados como a atención ao público ou a realización de diferentes tramitacións, en cuestións como a posta en valor da toponimia.

O Concello entende que o galego debe ser unha ferramenta útil e inclusiva, tanto dentro como fóra da propia institución, máxime nunha época na que a Administración está cada vez máis dixitalizada, o que fai máis necesario, se cabe, este regulamento.

O documento, que pode ser consultado na sede electrónica do Concello ou no propio Boppo, comprende un total de 14 capítulos, 23 artigos e unha disposición adicional, a través dos cales se regulará o uso do galego e nas actuacións administrativas e en cuestións como a atención cara o público, tarefas de documentación, publicacións e accións informativas, merca de bens e materiais, contratacións de servizos, sinalizacións e rotulados ou relacións con empresas privadas.