A publicación “O último festi” en banda deseñada substituirá este ano por mor do COVID-19 a edición do Armadiña Rock Fest 2020 que se ía celebrar o pasado mes de agosto en Combarro. Así o explicaron onte na Deputación a deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortega, a presidenta do colectivo Armadiña, Luz Fontán, o ilustrador e coordinador Kiko da Silva e os autores Pablo Prado e Fernando Llor.

“O último festi” trátase dun libro de 32 páxinas a cor do guionista Fernando LLor, nomeado mellor guionista español de cómic, e o debuxante Pablo Prado, que acaba de adaptar á banda deseñada a novela de Berta Dávila “O derradeiro libro de Emma Olsen”. A banda deseñada conta a historia dunha pandilla formada por dous rapaces e dúas rapazas que vivirán o seu último festival antes de separarse para dar comezo a súa etapa universitaria en diferentes cidades.

O festival será a décimo segunda edición do Armadiña Rock en Combarro. Nela tamén haberá un cartaz formado por bandas musicais como Uxía Lambona e a Banda Lambona, Fanfarria Taquicardia, The Tetas Van, Sés e Heredeiros da Crus, a cuxas actuacións as e os lectores poderán chegar a través de códigos QR.

Segundo destacou a deputada de Lingua e Patrimonio, María Ortega, a Deputación colaborou coa edición desta publicación polo seu novidoso formato: é a primeira vez que un festival de música se converte en literatura en formato cómic en lingua galega. Ademais, tendo en conta que a banda deseñada é un dos xéneros literarios con menor presenza nos catálogos editoriais galegos, a edición de “O último festi” supón achegar unha temática diferente e orixinal á literatura galega e unha clara aposta pola edición de banda deseñada na lingua galega.

Ortega quixo agradecer á Asociación Armadiña a súa aposta pola cultura, polo deporte e polo coidado do ambiente. “Nótase na publicación que eses son os seus piares”, subliñou, para salientar que a proposta valorouse tamén polo tratamento da igualdade de xénero, a normalización da diversidade sexual, e por poñer en valor o patrimonio marítimo pesqueiro, agrario e tamén dende o punto de vista etnográfico.

De feito, os protagonistas do libro celebrarán o seu útimo festival visitando os lugares onde transcorre o festival no recinto histórico de Combarro, trasmitindo o fomento e conservación do patrimonio material e inmaterial grazas a creación de varias localizacións clave (rúa Cega, Praza da Rualeira, Praza de San Roque) , en base do traballo que investigación e recompilación que realizou a Comisión Organizadora do Armadiña.

Pola súa banda, a presidenta de Armadiña, Luz Fontán, destacou que a banda deseñada é unha adaptación novidosa e permite que o festival teña unha edición na ficción ao non poder celebrarse en vivo, onde habitualmente acuden unhas 25.000 persoas. “Que nós saibamos é o primeiro festival do mundo en plasmarse en banda deseñada, en viñetas”, asegurou.

Pola súa banda, o coordinador da publicación Kiko da Silva, subliñou que “foi tremendamente chamativo que, fronte á maioría de festivais que, cando cancelaban pasaban ao formato dixital, nos chamasen do Armadiña para ir ao analóxico e ao papel. Isto permitirá que o Armadiña permaneza nos andéis das bibliotecas mantendo a esencia, incluíndo a música a través dos códigos QR”.

O ilustrador Pablo Padro, así mesmo, destacou que o seu obxectivo na parte gráfica foi a través da cor e o debuxo transmitir a sensación e a experiencia forte da vivencia do festival e do seu son. “Queriamos trasladar a exuberancia arquitectónica, rural, do mar…”, apuntou.

Finalmente, o guionista Fernando Llor asegurou que trasladar a papel un festival foi un “desafío complicado e difícil” cun resultado que vai gustar porque “reflicte a esencia, coa historia de catro chavales e chavalas que viven as aventuras típicas dunha BD”.