“Ágora, concellos polo espazo público” é o nome da acción institucional da Deputación cos municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público. É tamén a inspiración do encontro convocado polo Club Faro e que reunirá en Pontevedra a Nacho Tomás, secretario da Rede de Cidades Pola Bicicleta, á súa homóloga Ana Montalbán, da Rede de Cidades que Camiñan,e a Uxío Benítez, deputado de Mobilidade e Espazo Público.

O encontro celebrarase mañá ás 20 horas no Pazo Provincial e permitirá aos ponentes abordar cales deben ser os principios a cumprir para que un espazo público sexa de calidade e amábel coa veciñanza.

As limitacións ligadas á crise sanitaria limitan o aforo a 34 persoas. Non se precisa convite e pódese reservar praza en agora@depo.gal.

Nestes momentos son xa 45 os concellos adheridos á rede provincial Ágora. Ésta incentiva aos concellos a recuperar espazo público dos seus núcleos urbanos e utilizar mobilidades naturais, alternativas ás de motor.

A rede Ágora traballa sobre a base de que a crise sanitaria evidencia a necesidade de contar con espazos públicos de calidade nas vilas e cidades. Despois de meses de confinamento definiuse claramente ese espazo como un lugar para o esencial, como un dereito da cidadanía. Os retos presentes e futuros pasan por adaptar o actual espazo público e xerar outros seguros sen que iso implique distanciamento social. Tamén pasan por loitar contra a violencia viaria, a expulsión das persoas da súa contorna ou o uso desmedido da mobilidade a motor, co consecuente aumento da contaminación ambiental.