O cómic foi onte un dos grandes protagonistas de Culturgal, que recibiu a Miguelanxo Prado. O autor de banda deseñada máis internacional de Galicia presentou a súa última obra, “O pacto do letargo”, publicada en galego por Retranca Editora, e, simultáneamente, “Atelier Miguelanxo Prado”, un caderno de campo no que mediante unha conversa con Kiko da Silva, “repasamos parte da miña biografía”, explica o debuxante, “pero sobre todo o proceso de creación de desta obra”.
–Ao fío do contido de “Atelier”, como se fai un cómic?
–O ingrediente principal, básico, para facer un cómic é o tempo. Somos, con diferenza, a linguaxe creativa que precisa de máis tempo para rematar a obra. Eso é fundamental e precisamente supón un dos grandes problemas porque é moi difícil desenvolver un traballo que normalmente dura un mínimo dun ano se o autor non ten algún tipo de compensación económica que llo permita durante o propio proceso de creación, non só cando esté rematado. Eso fai que moitas persoas non consigan manterse na banda deseñada.
–Por que é difícil atopar unha boa historia para a banda deseñada?
–Porque non todas as historias serven para a banda deseñada, do mesmo xeito que non toda historia pode ser levada ao cine ou funciona en calquera outra linguaxe. E despois moitas veces cando falamos de cómic fixámonos na parte visual, que esté ben debuxada, que sexa atractiva, pero calquer editor con experiencia dirache que o que mantén ao lector amarrado ao libro e, sobre todo, fidelizado á linguaxe, son as historias. Unha historia mala por moi ben debuxada que esté non funcionará.
–É a parte que máis lle gusta dun cómic?
–Non é necesariamente a que máis me gusta pero sei que é imprescindible. Ás veces atópome con cómics moi ben debuxados que me gustan como obxecto, que admiro, pero que non me enganchan como lector. Son experiencias fallidas.
–Por que se fixo autor de banda deseñada? Era afeccionado?
–Non necesariamente, tiña aqueles tebeos de humor para pequenos pero non. O que descubrín xa con 20 anos foi que había unha linguaxe que me permitiría facer ao tempo as dúas paixóns que sí que tiña: debuxar e pintar por un lado, e contar historias. Para mín eran cousas separadas e de repente comprendín que co cómic podería facer as dúas cousas a un tempo. E ahí empezou a historia de amor (sorrí).
–Xa publicou o álbum soñado?
–Tiven moitísima sorte, moita, de feito os máis dos meus compañeiros recoñecen que tiveron que facer obras casi por imposición editorial, outros non atoparon apoio. E eu cheguei á banda deseñada no momento adecuado, finais dos oitenta, un bo momento editorial e no que emerxía o que despois se chamou o cómic de autor... Empezou a abrirse o cómic a temas que ata o momento non eran habituais. E eu fixen en cada momento a historia que me apetecía facer. Só nas dúas primeiras estiven máis constreñido, porque as primeiras revistas dispostas a publicarme eran de ciencia ficción, no 1984, digamos que a opción estaba clara, tiña que ser unha obra de ciencia ficción pero a mín encantábame. A partires de ahí sempre publiquei o que quixen.