Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alfonso Zarauza | Director de cine

“Ons é unha personaxe total do filme, é unha presenza física”

Culturgal abre as súas portas coa proxección de “Ons”, que o seu director define como “un thriller emocional ambientado na illa”

Alfonso Zarauza, onte na apertura de Culturgal. | // R. VÁZQUEZ

O último filme de Alfonso Zarauza foi onte o protagonista da inauguración de Culturgal, nunha das poucas actividades estritamente presenciais da feira das industrias culturais. O realizador, acompañado do produtor Xavi Font, e dos actores Antonio Durán Morris, Xúlio Abonjo e Marta Lado, presentou a película nun acto no que o público tivo tamén oportunidade de disfrutar da música en directo de Chicharrón, que achega á banda sonora o tema “Na cela”, adaptado dun poema de Antía Otero.

–Como é “Ons”?

–É un thriller, un thriller emocional ambientado na illa de Ons, onde a illa ten moitísimo peso, e no que hai unha serie de personaxes ao que o paso pola illa os transforma dalgunha maneira, para ben ou para mal.

–Sinala que quería facer unha película que falara da escaseza, da necesidade…

–Si, a escaseza, a necesidade, é como o tema de partida, a necesidade de seguridade emocional, desexo sexual e instinto maternal, e a escaseza de todo eso. Todos estamos necesitados de afecto na vida e somos como illas flotantes que están á deriva; buscamos un faro que nos guíe, pódese chamar amor, pódese chamar de moitas outras maneiras. Ese faro é sempre como unha luz á que tendemos pero non nos podemos achegar demasiado porque podemos acabar tamén encallando e afundindonos. É un pouco o simbolismo do filme.

–O filme tamén aborda o tema da dor…

–Da dor, da tristeza, pero tamén da alegría, de moitas cousas.

–Como foi a experiencia da rodaxe?

–A rodaxe foi enteiramente en Ons en outubro e novembro do pasado ano. Foi unha rodaxe moi dura técnicamente, porque tiñamos que rodar en sitios moi expostos á natureza, en acantilados, praias e sitios aos que era moi difícil acceder, tiñamos que chegar en tractores por caminos enlamados. Pero ao mesmo tempo foi moi bonita porque foi moi heroica, o equipo estaba moi comprometido coa película, a pesar de que rodamos con temporais.

–Cantos lles tocaron?

–Rodamos con 5 temporais. Foi moi dura a rodaxe, pero moi bonita, fixemos un gran esforzo entre todos e penso que o resultado vese na película, ese sufrimento que tivemos de rodar en circunstancias complexas nótase no filme.

–Ons é outra das personaxes da pelicula?

–Totalmente, Ons e unha personaxe total do filme, por eso se titula “Ons”, porque é algo máis que unha paisaxe, é unha presenza física. As illas teñen algo particular, que é que están delimitadas xeográficamente, teñen límites, e eses límites marcan moito tamén aos personaxes. Enton a illa, a súa paisaxe, o seu clima e a súa beleza forma parte do filme.

–A película conta con actores consagrados como Morris ou Xúlio Abonjo, e outros moi novos como Marta Lado

–Ou Melania Cruz, que creo que é a gran actriz galega que está nun estado de forma incríble, unha actriz alucinante que vainos sorprender moitísimo porque é unha das mellores coas que tiven oportunidade de traballar nunca. E logo grandes veteranos como Morris ou Miguel de Lira, que son dous dos grandes actores do cine galego, ou Xúlio Abonjo, que xa teñen unha traxectoria moi consolidada. É unha mestura dos grandes actores galegos con xente nova e moi emerxente, que veñen moi puxantes, como Marta Lado ou Diego Anido. A verdade é que estou moi contento do reparto porque son uns actorazos que se implicaron moitísimo no filme.

–O cine galego continúa coa súa eclosión…

–Hai unha eclosión brutal do cine galego e temos que ser conscientes delo, grandes directores facendo grandes películas aclamadas en todo o mundo, como Óliver Laxe, Lois Patiño, Eloy Domínguez, Eloy Enciso, Álvaro Gago, todos facendo un cine incríblemente arrebatador. Creo que é un momento moi valioso, con xente facendo cousas boísimas. E é algo moi difícil de conseguir; parece moi sinxelo porque estamos moi afeitos a que últimamente en todos os grandes festivais haxa filmes galegos, pero é moi complicado de conseguir.

–Os axentes culturais constatan no Culturgal o momento extremo que atravesa o sector…

–Desgraciadamente é un momento moi difícil polas circunstancias nas que estamos. Todo o mundo o está pasando mal, a hostelería, os taxis, os transportes, todo en xeral pasa por dificultades e a cultura evidentemente tamén, cos aforos reducidos, sen concertos ao vivo nen… nada, non hai nada. Se xa somos habitualmente supervivintes e temos que vivir ao límite estas circunstancias por momentos parecen o proceso final, pero ao mesmo tempo hai que seguir pelexando, estar vivos e manternos ahí.

–Precisamos da cultura máis que nunca?

–Máis que nunca, cultura é máis necesaria que nunca porque si precisamos de alimento físico e de alimento do bolsillo tamén necesitamos de alimento espiritual, e ese en boa parte ben a través da cultura.

Compartir el artículo

stats