O Museo de Pontevedra será o escenario mañán, venres, ás 20 horas, de “Eterna e Múltipla”, un espectáculo híbrido baseado no “diálogo interxeneracional e interxénero” coa poesía “erótica” de Carvalho Calero, a música e o audiovisual. Para poder asistir será preciso realizar inscrición previa dadas as limitacións de aforo derivadas da Covid-19, aínda que tamén será posible seguir o evento a través do streaming en directo na páxina web da Deputación www.depo.gal.

No recital participará o colectivo “O fruto e a serpe”, que terá como intérpretes principais a Elvira Jardón e Cynthia Menéndez, que darán voz aos poemas de Calero e á súa resposta con material propio nunha conversa poética na que confluirán diferentes sensibilidades e enfoques sobre relacións e erotismo.

Así mesmo, haberá un acompañamento musical, suave pero con personalidade e carácter que, xunto coa iluminación, pretende crear unha atmosfera axeitada para que o público goce do espectáculo.

A deputada de Lingua, María Ortega, convida á cidadanía a participar deste evento ou ben de maneira presencial ou ben online.