Un "percorrido" por Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que xunta poesía, música e erotismo. É a proposta da programación coa que a Deputación festexará o "día grande" adicado á nosa lingua.

A deputada de Lingua, María Ortega, encabezou onte a presentación das actividades previstas para os vindeiros 21, 23 e 30 deste mes e que se celebrarán tanto no Museo como na Sede da Deputación en Vigo.

Neste ano atípico, afirmou Ortega, a institución provincial aposta pola calidade das propostas aínda que por motivo da pandemia non poden chegar a moita cantidade de público. Destacou que algunhas das iniciativas serán unha "grande sorpresa" que xerarán moita expectación por ser moi novidosas, a pesar do que será obrigado manter restricións de aforo e solicitar convite para asistir.

"Queremos poñer en valor a figura de Calero, a súa relevancia, e dar a coñer a súa persoa, o seu pensamento e a súa obra", indicou. Tamén lembrou a deputada de Lingua que xa no mes de maio, coincidindo coa habitual celebración do 17-M, a Deputación conmemorou a efeméride cunha semana de publicacións en redes sociais de lecturas de textos a cargo de escritores.

A programación incluirá o vindeiro mércores 21 ás 20 horas un concerto do grupo Xardín Desordenado. O integrante da banda Isaac Garabatos explicou que levan unha década musicando poetas, polo que a oferta desta xornada centrarase no descubrimento do sentido poético de Calvalho Calero, ao que cualificou como "directo e emocionante", e arredor do que se tratarán dende temas trascendentais ata a súa relación co seu Ferrol natal e incluso "as reunións entre colegas".

"Un exemplo da forza de Calero é o poema 'Futuro condicional' no que fala dunha rapaza negra que vive unha situación de esclavismo nas mans dos homes brancos e, a pesares da dificultade, a ensalza con poderío", subliñou.

A seguinte proposta será o día 23 na Sede da Deputación en Vigo ás, onde se presentará o libro 'Carvalho Calero sen Fronteiras', de Aser Álvarez. Na obra recollense os textos, imaxes e a propia visión de Calero, un percorrido pola vida do autor, "un home que foi un resistente ata o final dos seus días". A presentación contará coa música de Moisés Quintas, que acompañará unha pequena parte musicada de poemas e audiovisuais.

Pola súa parte, Elvira Jardón, integrante do colectivo 'O fruto e a serpe' explicou o espectáculo que se desenvolverá no Museo de Pontevedra o vindeiro día 30 ás 20 horas. Subliñou que é un proxecto difícil de clasificar por ser un híbrido entre un recital, un concerto e unha tertulia "no que a idea principal é o diálogo interxeneracional e interxénero co Calero máis poético".

Jardón explicou que a actuación artística consistirá nun diálogo entre dúas poetas mulleres actuais e a voz que Carvalho Calero adoptaba falando como muller e poñéndose na súa pel. "Inicialmente centrámonos na súa parte erótica, porque Calero é un dos grandes representantes da poesía erótica galega. Isto vai máis alá do erótico, xa que el fala como unha muller, algo innovador no seu tempo... sen prexuízos, intentando pensar como pensamos nós sobre o corpo e as relacións"

Os convites para participar nos actos das Letras Galegas, que deberán incluir nome e teléfono de contacto dos asistentes, terán que solicitarse no correo vicepresidencia@depo.gal, (máximo dous por mail). Para o concerto do día 21 as peticións comezarán a rexistrarse ás 9 horas do luns 19; para a presentación do libro do venres 23, as solicitudes recibiranse dende as 9 horas do mércores 21; e para o espectáculo do venres 30 as solicitudes deberán comezar o mércores 28, tamén ás 9 horas. Dadas as restricións de aforo obrigadas crisis sanitaria, o aforo estará limitado a únicamente 30 persoas por acto, cubríndose as prazas por estrito orde de chegada.