O Concello de Poio, a través da Concellería de Normalización Lingüística, está a traballar na elaboración dunha nova ordenanza para dar un pulo á utilización do galego no día a día da Administración local, tanto a nivel políticoadministrativo como a nivel social e de cara á cidadanía.

En principio, o documento constará de 14 capítulos, 23 artigos e unha disposición adicional, a través dos cales se regulará o uso do galego e nas actuacións administrativas e en cuestións como a atención cara o público, tarefas de documentación, publicacións e accións informativas, merca de bens e materiais, contratacións de servizos, sinalizacións e rotulados ou relacións con empresas privadas. Tamén regulará todo o vencellado á toponimia, rueiro, emprazamentos ou edificacións.

A concelleira de Normalización Lingüística, a nacionalista Marga Caldas, entende que "é preciso adoptar medidas encamiñadas a que ninguén sexa discriminado ou discriminada por razón da lingua que empregue á hora de realizar diferentes xestións vencelladas á Administración municipal, tanto por escrito como oralmente". A responsable deste departamento lembra a necesidade de actualizar a normativa vixente, que data de finais do século pasado, toda vez que "a realidade lingüística mudou de xeito notable, así como a relación entre o Concello e a veciñanza".