Potenciar o uso do galego entre o alumnado do campus pontevedrés é o obxectivo central do programa Falamos, impulsado pola Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, que desde onte busca darse a coñecer entre a comunidade universitaria nos postos informativos que se irán instalando diante dos diferentes centros. Un ciclo de proxeccións e coloquios sobre películas, un club de lectura, un curso de cociña e un proxecto de voluntariado lingüístico integran o programa de actividades, de carácter gratuíto, desta iniciativa, nas que é posible inscribirse tanto a través da web do programa como nos diferentes postos informativos.

Os accesos ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes acolleron onte os postos desta iniciativa, resultado do traballo conxunto da Área de Normalización Lingüística da Universidade, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello e grupo de preto de 15 persoas do que forman parte tanto estudantado como profesorado do campus. "Os índices de galegofalantes no campus son baixos", salientou o vicerreitor Jorge Soto na visita que realizou, xunto ao concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, ao posto instalado diante de CCSS e da Comunicación. Soto puña o acento deste xeito no informe realizado pola Universidade en 2018 e no que, no referido á súa lingua habitual, só o 18% das e os estudantes se definían como "monolingües en galego", fronte a un 64% en castelán.