Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ex vicepresidenta da Deputación da Coruña

Goretti Sanmartín: "A sentenza de Meirás consegue facer chegar aos Franco que xa non temos medo"

Participará nas II Xornadas de Memoria Histórica que se celebran no Pazo da Cultura

Goretti Sanmartín. // Víctor Echave

Foi unha das principais impulsoras da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e confesábase moi emocionada tras coñecer a sentenza emitida pola xuíza a semana pasada pola cal os Franco deben proceder á súa devolución. Goretti Sanmartín, ex vicepresidenta da Deputación da Coruña, participará o vindeiro 11 de setembro nas II Xornadas de Memoria Históica que acollerá o Pazo da Cultura de Pontevedra.

-Como reaccionou ao coñecer que a resolución da xuíza dictaba que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado? Que supón para vostede?

-Supón unha gran alegría.Unha gran alegría por todo o traballo e implicación da Deputación, dos investigadores, das institucións e das asociacións. Ver que todos xuntos logramos que exista unha sentenza deste tipo é emocionante. A sensación é de que por fin se fai xustiza. Nós sabiamos cando iniciamos este proceso que era complicado, pero o feito de que houbese unha investigación tan rigorosa como a de Carlos Babío e Manuel Pérez supuxo dispoñer dun material magnífico para elaborar un informe histórico e posteriormente xurídico que marcara as liñas que a sentenza ditamina. Nese informe abórdase a compravenda simulada do 41 e como en realidade funcionaba como residencia oficial de Franco, tal e como sinalaba Xabier Ferreira no informe xurídico. Por suposto, foi fundamental a aparición do documento de compravenda previo do ano 38, porque con el, o proceso estaba gañado: o informe era tan rigoroso, firme e serio; as evidencias, tan claras, que non cabía discusión. Por fin podemos ver que realmente si que se consegue algo se traballan de maneira coordinada todas as partes e as institucións poñendo medios e recursos. Sen dúbida foi un día moi emocionante para todo demócrata, porque alguna vez tiñamos que poder dar este salto. Este non é o primeiro xuízo sobre cuestións derivadas do franquismo, pero si o primeiro no que se ten en conta o contexto histórico; e é demoledor. Supón a reparación necesaria das vítimas, pero non só dos asasinados, presos e exiliados, senón tamén das outras vítimas se cada máis esquecidas, as que tiveron que traballar forzosamente para o réxime, as que foron expropiadas e obrigadas a realizar esa doazón.

-Podemos dicir que estamos ante unha sentenza histórica no que respecta á condea do franquismo?

-Si. E sen dúbida fai que todas as persoas que vimos loitando pola xustiza por memoria histórica, ao igual que acontece noutras sentezas por violencia machista, por exemplo, sexamos conscientes de que é imposible tendo en conta a estrutura do sistema xudicial, de onde proveñen historicamente, que podemos obviar o contexto histórico, bélico e de expolio no que aconteceu a expropiación do Pazo. Non sempre se pode representar á Xustiza como unha muller que leva unha venda nos ollos que non mira máis nada que os feitos; aquí, a Xustiza saca esa venda e analiza que é o que estaba acontecendo naquel momento. É un paso importantísimo contra as prebendas do franquismo e que demostra como moitas administracións seguiron amparando todo o que tiña que ver co réxime, pois non rematou unha vez desaparecido Franco, senón que seguiu habendo gardas que coidaban o Pazo. Para dar con isto fai falla unha revisión histórica. Esta sentenza é histórica pola resposta simbólica da xente a un caso de expolio franquista e sen dúbida nos dá folgos para continuar na loita.

-Todo apunta a que a familia Franco recorrerá a resolución xudicial. Toca agardar...

-Toca esperar, si. Pero eu estou convencida de que a sentenza vai rematar sendo firme. Hai moita xente ansiosa que quere que a devolución sexa mañá mesmo, pero isto é un proceso longo. Van recorrela e irá á Audiencia, mesmo podería rematar no Supremo. Hai por diante unha longa traxectoria xudicial, pero ante a solidez tan grande que hai no informe presentado e na resolución xudicial, finalmente vai ser firme. É un paso de xigante e co paso do tempo imos ver o Pazo sendo público. Ao meu modo de ver, para acabar o proceso, tras a recuperación por parte do Estado, o ideal sería executar a transferencia para Galicia. Sería unha achega factible.

Compartir el artículo

stats