Compartindo listaxe con "Camiñar o Vigo vello", de Pedro Feijoo; "O último barco", de Domingo Villar, e "O libro da filla", de Inma López Silva, vén de coarse entre os libros máis vendidos en lingua galega a última obra do escritor e ilustrador cuntiense Héitor Picallo: "As Letras Galegas en caricatura".

Editada en cartoné e en gran formato, acompañada dun limiar a cargo de Fina Casalderrey e dun epílogo que subscribe Mercedes Queixas, Picallo realiza no seu novo libro un percorrido polos autores e autoras escollidos pola Academia dende 1963 até a actualidade, constituíndo así unha compilación do patrimonio literario e cultural de Galicia indispensable.

O autor cuntiense aposta nesta publicación por elaborar unha lectura visual dos protagonistas do Día das Letras Galegas a través da pintura e da achega das súas voces e datos biográficos.

-Saíu ao mercado en plena pandemia e agora "As Letras Galegas en caricatura" sitúase entre os máis lidos en lingua galega, esperaba acadar este éxito coa súa publicación?

-Pois a verdades é que non mo esperaba. Eu sinxelamente realicei a distribución entre as librarías nas que consideraba que debía de estar por diferentes razóns e a aceptación está sendo marabillosa. O éxito senta moi ben e máis logo de tres anos tan intensos para elaboralo. Xestionar todo o proceso non foi doado, tanto pola selección dos textos, o deseño da capa e contracapa e posteriormente que sexa impreso de maneira axeitada, e máis nun momento tan difícil como o que estamos atravesando e no que non lle podes cobrar ao lector un prezo elevado.

O máis satisfactorio son os comentarios da xente e hai unha boa crítica dos libreiros. As ilustracións están gustando e tamén comentan que é moi útil e moi didáctico ter a todos autores compilados e ben clasificados.Mais como lle dixo un criado a Xulio César: "Lembra que es humano"...

-Como xorde a idea de reunir nun mesmo volume a todos os autores e autoras das Letras?

-A orixe está se cadra na miña colección infantil, pois nela hai un volume sobre autoras e autores do Día das Letras Galegas. Eses foi o preámbulo deste libro. O obxectivo era manter viva a súa memoria, xa que semella que cando remata o día, xa nos esquecemos deles e para dotar de contemporaneidade aos autores das Letras era preciso a súa compilación, para repasar e valorar esta progresión no tempo que é interesante analizar. Por exemplo, por que só se homenaxean aos escritores mortos ou por que en case 60 anos só se homenaxeou a catro mulleres, e non é porque non haxa publicacións ou autoras. Mulleres como Filomena Dato, Xela Arias ou Begoña Caamaño están aí.

-As súas caricaturas e ilustracións caracterízanse polo emprego de diferentes texturas, que materiais e técnicas emprega nesta compilación?

-Parto dunha acuarela, húmida ou seca, e fago as veladuras correspondentes. Posteriormente, tal e como dis, engado anacos de xornais, nos que moitas veces hai referencias ao propio autor ou autora e outras, sinxelamente porque conteñen textos que inspiran. Tamén emprego teas de tapizar, anacos de madeira... Por exemplo, na ilustración de Cunqueiro, hai ao fondo unha lareira e o teito é de madeira, pois eu empreguei madeira real para recrear as táboas e na orixinal pódese tocar, non hai man dixital, transmitindo tamén que mediante a reciclaxe podemos crear algo duradeiro.

"Debemos modernizar ás nosas figuras mediante a cor, sen restarlle valor á fotografía como documento histórico"

-Tres anos para este libro non só implicaron dedicarlle tempo ás ilustracións, senón tamén a realizar un traballo de documentación previo. Como foi ese proceso?

-O proceso pasou por elaborar fichas clásicas nas que aparece un texto de referencia do autor ou autora en concreto, pero que sexa relevante para min. Por exemplo, eu a Rosalía de Castro non lle poño "Adiós ríos, adiós fontes" por moi bonito ou coñecido que sexa, prefiro "Lieders", onde deixa constancia de que as autoras xa procuraban a igualdade. Por outra banda, levei a cabo unha compilación de datos de interese que achegan o contexto histórico ou as institucións aos que o autor ou autora estaba vencellado. E logo inclúo un epígrafe titulado "Ars Memoriae" no que en bases ás regras de como está feita a caricatura os lectores poden interpretala. Por exemplo, na de Álvarez Blázquez aparece unha pega rabilonga, que foi un título seu, e tres esferas de cristal revoando, pois foi un dos fundadores da Revista Cristal. A idea é xogar cos sentidos para reforzar a memoria, máis que memorizar datos.

-O feito de que sexa unha obra tan visual e ordenada contribúe a que resulte unha proposta pedagóxica moi interesante. Como valora vostede este aspecto?

-Precisamente iso é o que comenta Fina Casalderrey, que é un libro moi necesario, moi pedagóxico, e coa finalidade de non só chegar ás crianzas, senón a mestres e mestras e persoas adultas. O feito de que a información estea ben distribuída coido que resulta práctico, xa que así non temos que dar voltas para buscar según que datos, e que sexa moi visual axuda. O que acontece cos nosos libros de texto en galego é que, malia que están moi ben elaborados e documentados, as imaxes que vemos sempre son as de persoas grises, porque os tons das vestimentas eran marrón ou verde escuro, pero hai que facer o contrario: debemos modernizar ás nosas propias figuras, facetas nosas mediante a cor, sen restarlle valor á fotografía como documento histórico.