A Concellaría de Festas de Pontevedra non renuncia a dar a benvida ao maio como todos os anos. A pesar de que nesta ocasión a Festa dos Maios non poderá ocupar a praza da Ferraría como viña sendo tradición, o departamento que dirixe Carme da Silva adapta hoxe o formato habitual ao eido dixital.

Para iso contará cun amplo abano de colaboracións tanto de entidades como de persoas a título particular.A concellaría porá en marcha hoxe, a partir das 11 horas (cando na é habitual que comece a festa na Ferraría coa Benvida ao Maio) un "maio dixital".

Haberá de novo Benvida ao Maio, tamén coplas, información de como se fai un maio, participación de cativos e cativas? Toda a documentación residirá na páxina web municipal pontevedra.gal e tamén comezará se colgará nas redes sociais municipais.

A Concellaría pediu ao documentalista Ramón Rozas que fixera a tradicional Benvida ao maio; Xosé Carlos Morgade puxo a letra á copla deste ano e Álvaro Novegil a música creada ex profeso para esta ocasión.

A imaxe desta edición representa a creación dun maio dende unha vista cenital, polo que se pode contemplar como se coloca o fiuncho, os ovos, as laranxas? Na páxina web tamén se poderán ver vídeos de como se fai un maio, capítulos dun libro editado por Xosé Carlos Morgade sobre a Festa dos maios en Pontevedra, imaxes cedidas polos centros de ensino e asociacións que habitualmente participan nesta festa para recordar edicións anteriores.

Cerponzóns

Os veciños de Cerponzóns tamén celebrarán a Festa dos Maios dun xeito virtual. A asociación "O Chedeiro" convidou aos residentes na parroquia a facerlle chegar fotografías, decoracións vexetais que fagan na casa e tamén decoracións dos balcóns. En xeral, búscase "que cada familia na súa casa viva esta data e lembre tamén como se celebraba noutros momentos históricos. A nosa intención e que se siga mantendo a tradición", destacan dende a agrupación veciñal.