O elenco de artistas que participarán nesta sentida homenaxe ao músico pontevedrés están divididos en dúas categorías. Así, o promotor do evento, Carlos Rodríguez sinalou que, por una banda, tocarán aquelas agrupaciónes que foron creadas especificamente para esta ocasión como é o caso do Coro Gospel Vida, que contará coa presenza de solistas como Serafín Carballo e José Piernas, así como a agrupación denominada "Miguel Guerra´s Friends".

Por outra banda, Rodríguez comentou que no concerto homenaxe tamén participarán outros grupos xa consolidados como Mr. River, a agrupación encargada de abrir o ano pasado o festival de jazz; Antilia, o grupo pontevedrés que constitúe un proxecto da letrista e cantante María Costas e o compositor e guitarrista José Churruca, tamén mestre no Conservatorio Mayeusis; Beco do Blue, e, por suposto, a propia banda da que Miguel Guerra formou parte e da cal foi un dos seus fundadores, os Black Stones, a formación rockera da cidade que se remonta á década dos 60.

A entrada ao evento, que se celebrará no Teatro Principal a partir das 21 horas, será de carácter gratuíto até completar aforo. Tanto os organizadores do evento como a concelleira de Cultura, Carme da Silva, destacaron que o éxito vai estar asegurado e cren que o espazo vai quedarse pequeno ante a gran afluencia de público que asistirá para darlle a derradeira despedida ao baixista dos Black Stones.