A previsión do sector do videoxogo é facturar en poucos anos "máis que o cine e a música xuntas", sinala Luz Castro, cofundadora da asociación Videoxogo.gal e profesora da Universidade da Coruña, entidades que participan esta fin de semana en Culturgal.

A feira dalle nesta edición un especial protagonismo ao ocio dixital e en contidos interactivos, un sector que en Galicia "aínda se está a crear" , indica Luz Castero, e que está representado na feira por unha ducia de empresas e institucións. Dento da cultura xa é claramente a modalidade máis rendible e todas as previsións para os vindeiros anos son moi optistas.

"Hai empresas que levan tempo traballando e dende hai un par de anos sí que temos sector, pero aínda é pequeno. En Galicia aínda non factura tanto pero esa é a tendencia", explica a representante de Videoxogo.gal "así como outros sectores van facturando cada vez menos no videoxogo é á inversa e vai medrando", explica Luz Castro.

O novo espazo interactivo no que poden probar simuladores e gafas virtuais e os expositores adicados a videoxogos, realidade virtual, aumentada etc concitan o interese dos adolescentes, unha porcentaxe significativa dos milleiros de visitantes que onte pasaron por Culturgal.

De novo o público familiar está sendo un dos grandes protagonistas e onte os nenos estaban convidados a unha chea de propostas, como a de doar os seus dentes para a ciencia , participar en obradoiros e asistir a varios espectáculos.

Culturgal tamén reserva espazos para outros moitos públicos, caso dos afeccionados á arte contemporánea (que dispoñen dun área específica de galerías, artistas, institucións etc) e ao cine, que onte déronse cita na preestrea de "Eroski Paraíso", á que asistiron Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, e que hoxe poderán disfrutar do filme "O que arde". Presentarao a partires das 18 horas o seu director, Oliver Laxe.

Pola súa banda, os máis pequenos teñen unha gran cita ás 12 co espectáculo familiar "Lambetadas", de Talía Teatro, recomendado para nenos de 6 a 11 anos.