As xornadas micolóxicas organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística para os centros de ensino, comezarán hoxe, ás 10 horas, no CEIP San Bieito de Lérez. Participarán 47 nenas e nenos de 5º e 6º de Educación Primaria.

A xornada consiste nunha charla de introdución á micoloxía, unha saída de campo guiada para recoller cogomelos pola ribeira do Lérez, unha sesión para identificar os cogomelos recollidos e a montaxe dunha exposición no colexio cos cogomelos apañados. Esta actividade busca promover o uso da lingua galega entre o alumnado de Primaria con actividades de micoloxía, iniciando as nenas e os nenos no coñecemento dos cogomelos habituais na súa contorna. Os contidos dinamizarán o uso da lingua tanto na oralidade como na escrita, asociándoa a actividades lúdicas e formativas de interese para a infancia.