A librería Maraxe de Cangas acollerá este venres 15 a presentación do libro "Da Carapuchiña ao señor Lamote", de Miguel Vázquez Freire. O autor estará acompañado nesta presentación pola profesora María Xosé Jiménez González e polo actor e titiriteiro Tatán de Tanxarina.

"Da Carapuchiña ao señor Lamote" é unha recompilación de artigos publicados por Vázquez Freire na Revista de Ensino Galego, coa finalidade de recuperalos e xuntalos nun só volume, ademais de fomentar a lectura dos clásicos da literatura infantil e xuvenil e as súas versións en galego.

Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951) é catedrático de Filosofía e escritor. Está vinculado ao Grupo Andersen para o fomento da literatura infantil e xuvenil. O acto que se celebrará en Cangas comezará ás 20.00 horas na librería Maraxe, da avenida de Marín, 9. O autor achegarase ao IES de Rodeira pola mañá para impartir unha charla aos escolares.