A Illa de San Simón rexistrou os episodios máis cruentos da represión franquista na provincial de Pontevedra e esta semana reabriuse a polémica sobre os seus usos actuais, co anuncio da empresa "Piratas de Nabia" da celebración "dun samaín de medo" neste enclave.

Este anuncio, sumado a eventos como o festival Sinsal ou retiros de ioga, "foi a pinga que desbordou o vaso da paciencia de familiares de presos e colectivos, pois levamos anos vendo como a Xunta cede o uso da illa a empresas privadas, con fins lucrativos que non teñen en conta o alí acontecido", comenta Luís Bará.

A recuperación da memoria histórica de San Simón é un traballo que continúa sen facerse e, en opinión de Bará, "é preciso definir un plan de usos para que se poidan programar actividades en San Simón, pois é un Ben de Interese Cultural, mais deberan ser actividades que teñan en conta a memoria e que se desenvolvan cun criterio de respecto, que as persoas saiban onde están realmente".