O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu o acto de entrega dos premios "Mil Primaveras" para galardoar os seis proxectos premiados. Estes galardóns "Mil Primaveras" nacen para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio na sociedade galega. Con eles a Coordinación de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL) pretende valorar e proxectar o gran labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración para mellorar o traballo en normalización da lingua.

En cada unha das categorías recoñeceuse unha acción, campaña, programa ou proxecto. O premio non ten dotación económica, consistirá no recoñecemento e difusión do proxecto como modelo positivo para o traballo en normalización.

O evento estivo conducido por Lupe Blanco e Luís O Caruncho, ademais da participación da presidenta da CTNL, Anxos Sobriño, que é a entidade que creou e organizou estes premios. Tamén se contou coa presencia de representantes das institucións colaboradoras, a Deputación, representada pola deputada provincial de Lingua, María Ortea, e o Concello, representado polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

Nesta primeira convocatoria concursaron un total de 47 proxectos procedentes de toda a comunidade galega, que competían por categorías. Así, na categoría "Premio ao mellor proxecto estabilizado" resultou premiado o proxecto Modelo Burela do IES Perdouro. Na categoría "Premio ao mellor proxecto novo" resultou gañador o proxecto Falemos de ti e min do IES de Soutomaior. O galardón o "Premio á mellor comunicación e impacto" o proxecto gañador é Desafío 48 h do centro escolar IES María Casares de Oleiros. Na categoría "Premio ao programa máis innovador" gañou Youtubeir@s de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña. O "Premio ao mellor proxecto destinado á mocidade" foi para Eu presumo de galego do IES de Melide e finalmente, dentro dos premiados o "Premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial" foi para o proxecto GCiencia.