O "Solombo á miña maneira" de Verdugolandia, é a tapa gañadora do concurso gastronómico Caldelas Tapas. O alcalde, Andrés Díaz, foi o encargado de abrir o sobre e de descubrir o gañador desta edición.

O certame botou a andar o 5 de xullo e desenvolveuse todos os venres ata o 2 de agosto, cunha pausa o 12 de xullo, debido á celebración da Festa Gastronómica do Emigrante.

Como é habitual o primeiro paso deste certame foi a cata por parte do xurado profesional que determina o establecemento gañador. Este ano, a cata foi a comezos do mes de xullo, e o xurado estivo presidido por Xosé Cannas (Pepe Vieira), cociñeiro cunha estrela Michelín e que rexenta o seu restaurante en Raxó. Ao seu lado estiveron Sergio Orge (un dos ex-responsables do Cafetín de Pontevedra, varias veces gañador do concurso de tapas de Galicia e actualmente xerente do restaurante A Eira, de Barro) e Conchi Amoedo, reposteira local responsable de Pica e Peca.

O fallo do xurado, unha vez valoradas as tapas , quedou depositado nun sobre lacrado que hoxe foi aberto no concello de Ponte Caldelas nun acto público.

O xurado valorou especialmente a calidade das propostas gastronómicas dos concursantes e salientou tamén a abundancia das tapas, que se venderon ao prezo de 1,50 euros, bebida á parte. Un prezo moi competitivo polo que se puideron degustar delicias gastronómicas que este ano chegaron co marisco como protagonista, aínda que tamén houbo clásicos da cociña galega e algún que outro bocado de verán.

Un total de 12 locais de hostalería participaron neste evento que supón un movemento dunhas 10.000 tapas vendidas cada ano. Os participantes deste ano foron O Recanto (Sabores da ría), Tapería Klimbim (Alemanas), Pastelería Acuña (Bocado campestre), Cervexaría Alameda (Verano en la plaza), Verdugolandia (Solomillo a mi manera), Restaurante 501 (Caballitos de mar en su medio), La Terracita (Volcán de sabor), Tapería Victoria (Capricho galego), Asador del Chavo (Diamante negro), Albergue Jamarte (Rollito 3.0), La Tribu (Tosta de marisco)e Bar Parada (Calamar San Juan).

Dende o goberno local caldelán acóllese con satisfacción a positiva impresión que a oferta gastronómica que Ponte Caldelas causou no xurado profesional.