A Culturgal 2019 xa está en marcha. A feira arrancou xa coa apertura de reserva de stands e a convocatoria aberta para propostas de programación. “Unha feira con máis cor, máis translúcida e compartida”, así resumía o director da Feira, Xosé Aldea, os cambios no redeseño espacial desta décimo segunda edición, que se desenvolve do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para dar o punto de arranque a esta Culturgal á que “darlle unha volta”, compareceron en rolda de prensa en Pontevedra, ademais de Aldea, o presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, acompañado dos principais patrocinadores da Feira: a Xunta de Galicia e Agadic, coa participación do seu director Jacobo Sutil, o concello de Pontevedra, coa concelleira Carme Fouces, e a Deputación de Pontevedra, coa responsable de Cultura, Victoria Alonso.

“Queremos conseguir que o público se sorprenda, con cambios espaciais, de circulación e estéticos. Tamén de contidos”, sinalou o presidente de Culturgal. Estes cambios foron os que provocaron que a presentación estival da Feira e das súas convocatorias se retrasase este ano unhas semanas. A

causa: os traballos técnicos derivados desta reestruturación. “Unha das dúas novidades grandes desta edición ten que ver coa circulación do público, con facer unha Feira máis translúcida, con materiais como policarbonato, con máis cores e co obxectivo de que ir rachando os compartimentos estancos para derivar nunha feira máis compartida, con máis contacto humano e con máis contacto entre empresas e proxectos”, explicou Xosé Aldea. O prazo de contratación de stands comeza agora no remate de xullo até que se esgoten ou como máximo até o 15 de novembro.

Outra novidade é o establecemento do Espazo de Cultura Interactiva, un “reto” semellante, nas verbas de Aldea, ao que acometeu a Feira hai tres anos cando impulsou o Espazo de Arte Contemporánea. “Queremos a animar as empresas con alto contido tecnolóxico: videoxogos, apps, realidade aumentada, etc, a mostrar as infinitas posibilidades de tecnoloxía nos produtos e servizos culturais. A feira ten que visibilizar este tipo de traballo que incide en aspectos lúdicos, didácticos e sobre todo participativos. Seguindo o exemplo de Arte Contemporánea, lanzamos este espazo con condicións especiais de contratación de stands”, detallou o director da Feira.

Tamén se abre agora o prazo de presentación de propostas para os outros 5 escenarios da Feira: Familiar, Libro, Foro, Carpa e Audiovisual. Ata o primeiro de outubro empresas, institucións, entidades, xestores e artistas poden presentar os seus proxectos para un programa que cada ano ronda as 130 actividades propias durante os tres días da Feira. Xosé Aldea remarcou o carácter dunha “Feira para todo o país” e anunciou que a organización volverá a poñer autobuses en 2019 desde as principais cidades galegas.