O pobo de Chaín, un dos que atesoura maior raigame musical en Ponte Caldelas, recupera mañán a tradición do seu Serán, que cumpre xa máis de 20 anos. Un evento que o ano pasado quedou interrompido pola morte repentina de dúas veciñas.

O Serán foi presentado onte no Concello por unha representación das Pandereteiras de Chaín, xunto co alcalde, Andrés Díaz, quen aproveitou para subliñar o apoio do Goberno municipal a este tipo de convocatorias populares.

A cita é a partir das 21.30 horas na explanada da Casa do Pobo de Chaín e polo escenario irán pasando uns 30 grupos chegados dende diversos lugares de Galicia. Cada un deles interpretará tres pezas e a noite prolongarase ata que o corpo aguante.

O Concello colabora coa instalación dunha carpa e, para que non falte de nada, a veciñanza preparará callos "a fartar". Xa avanzada a madrugada servirase chocolate quente.